---
title: "O prazo do concurso «Palabras de amor: #140enpositivo» remata o 17 de maio"
description: "O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas remata o prazo para presentar traballos ao concurso \"Palabras de amor: #140enpositivo\", convocado pola Biblioteca da Deputación e que este ano chega á súa..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/o-prazo-do-concurso-palabras-de-amor-140enpositivo-remata-o-17-de-maio/
date: 2023-05-10
modified: 2023-05-10
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/05/Cartel_de_140_en_positivo_2023.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# O prazo do concurso «Palabras de amor: #140enpositivo» remata o 17 de maio

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas remata o prazo para presentar traballos ao concurso «Palabras de amor: #140enpositivo», convocado pola Biblioteca da Deputación e que este ano chega á súa 11ª edición. O certame quere espertar a imaxinación dos lectores e lectoras, animar a compartir as súas creacións, dinamizar a Biblioteca e facer partícipes a todas as bibliotecas municipais da provincia, e para iso premiará mensaxes positivas que impulsen e melloren o día a día das persoas a través de palabras de ánimo e apoio.

As mensaxes, ata un máximo de tres por participante, en galego ou en castelán, escritas a man ou en ordenador, terán unha extensión de 280 caracteres, espazos incluídos.

Establécense tres categorías:

1. Categoría 1: para autores e autoras maiores de 18 anos.
2. Categoría 2: entre 12 a 17 anos.
3. Categoría 3: entre 7 a 11 anos.

O certame outorgará os seguintes premios:

- Nas categorías 1 e 2: un libro electrónico, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 75 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca provincial, para o terceiro premio.
- Na categoría 3, un lote de produtos de escritura e traballos manuais por valor de 75 €, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 50 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca para o terceiro premio.
- Todos e todas as participantes recibirán, ademais, un pequeno agasallo da biblioteca.

Os traballos deben presentarse dun dos dous seguintes xeitos:

- Enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal co asunto #140enpositivo, e especificando a mensaxe e os datos persoais da autoría (nome e apelidos, enderezo postal e número de teléfono) e en que categoría participan.
- Escribindo as mensaxes nos modelos en papel dispoñibles na Sección Infantil e Xuvenil da Biblioteca ou no Servizo de Información, e deixándoas nas caixas de correo habilitados nesas salas.

Finalizado o prazo de participación, anunciaranse os premiados e premiadas na páxina web da biblioteca, fisicamente na propia biblioteca provincial, e nas súas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. Os traballos presentados expoñeranse na biblioteca e difundiranse nas súas redes sociais e tamén nas da Deputación da Coruña.
