---
title: "O Pazo de Mariñán acollerá o 22 de novembro a nova xornada do programa ‘A cultura é un dereito’"
description: "As actividades culturais e artísticas poden promover a saúde, \"mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios ao noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-pazo-de-marinan-acollera-o-22-de-novembro-a-nova-xornada-do-programa-a-cultura-e-un-dereito/
date: 2024-10-31
modified: 2024-10-31
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/10/Video_page-0001-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O Pazo de Mariñán acollerá o 22 de novembro a nova xornada do programa ‘A cultura é un dereito’

As actividades culturais e artísticas poden promover a saúde, “mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios ao noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida”, afirma Ugia Pedreira, comisaria de ‘Arte e saúde. A música’, a 18ª xornada do programa ‘A cultura é un dereito’, do departamento de Cultura provincial, que se vai celebrar o 22 de novembro no Pazo de Mariñán.

A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e a Asociación A Memoria é Náufraga colaboran na organización dun ciclo que reunirá a destacados especialistas: a propia Pedreira, Antoni Rodríguez Fornells, profesor de Investigación ICREA no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge e na Universidade de Barcelona; o guitarrista e compositor Robert Pier; a pianista Mihaela Duma; o narrador Cristian Terán; o catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Salas, a musicoterapeuta e pianista Laura Navarro, e Chefa Alonso, doutora en Performing Arts pola Brunel University, licenciada en Medicina pola USC, saxofonista, compositora, improvisadora e docente.

A xornada está dedicada á relación entre arte e saúde e porá o foco na música como ferramenta social e terapéutica. Inclúe relatorios, un obradoiro de improvisación libre aberto ao público e unha mesa redonda na que Pedreira explicará o proceso creativo de “Basal”, o seu traballo musical máis recente; Pier, paciente de hemiparesia e outras patoloxías mentais, falará de como integrar a diversidade funcional dentro do ámbito cultural de forma accesíbel; e Duma, diagnosticada de esclerose múltiple, contará a súa experiencia coa enfermidade como testemuña e divulgadora desde os ámbitos da educación o pensamento e a comunicación.

“Conscientes de que a cultura é un dereito, transversal ás nosas vidas, promovemos estas xornadas para afondar en outros aspectos da vida cotiá, tan esenciais como a saúde, e que están profundamente ligados coa arte e a cultura en xeral”, sinalou a deputada de cultura, Natividade González.

**Programa**

10.15-11.45 h. “Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento musical. O potencial da música na neurorehabilitación”. Antoni Rodríguez Fornells.

12.15-14 h. Mesa ‘Experiencias de vida’:

- “Basal. Composición e diversidade funcional desde o corpo-casa”. Ugia Pedreira.
- “O meu mestre, o lado esquerdo”. Robert Pier.
- “Un camiño cara a superación da esclerose múltiple”. Mihaela Duma e Cristian Terán.

16-17:30 h. “Proxecto de investigación: Sensoxenoma”. Antonio Salas e Laura Navarro.

18-20 h. Obradoiro de improvisación libre, de participación aberta ao público. Con Chefa Alonso.

Haberá un servizo de interpretación de lingua de signos.

A asistencia á xornada é de balde e o aforo, limitado. A inscrición pode formalizarse dende mañá 1 de novembro ata as 16 horas do 20 de novembro. O formulario está dispoñible na sección habilitada na web https://aculturaeundereito.gal/
