---
title: "O Pazo de Mariñán acolle  as II Xornadas das Bibliotecas Municipais da provincia, organizadas por Cultura da Deputación "
description: "O encontro reúne profesionais das bibliotecas públicas nunha xornada de formación, reflexión e intercambio de experiencias arredor da innovación tecnolóxica, a promoción da lectura e a participación c..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-pazo-de-marinan-acolle-as-ii-xornadas-das-bibliotecas-municipais-da-provincia-organizadas-por-cultura-da-deputacion/
date: 2026-11-16
modified: 2026-11-16
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/11/IMG_2121.JPG.jpeg
categories: ["Cultura", "Novas", "Xornadas"]
type: post
lang: gl
---

# O Pazo de Mariñán acolle  as II Xornadas das Bibliotecas Municipais da provincia, organizadas por Cultura da Deputación 

- **O encontro reúne profesionais das bibliotecas públicas nunha xornada de formación, reflexión e intercambio de experiencias arredor da innovación tecnolóxica, a promoción da lectura e a participación cidadá** 
- **A Coruña, 13 de novembro de 2026**. A Deputación da Coruña inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán a segunda edición das Xornadas das Bibliotecas Municipais da Provincia da Coruña, un encontro que reúne profesionais do sector para abordar os principais desafíos que afrontan as bibliotecas públicas e reflexionar sobre as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, especialmente a intelixencia artificial. A deputada de Cultura, Natividade González, participou na apertura dunha xornada que combina formación especializada, propostas prácticas e intercambio de experiencias co obxectivo de reforzar o traballo das bibliotecas municipais e o seu papel como servizos públicos esenciais. 

Durante a inauguración, Natividade González puxo en valor a importancia das bibliotecas como “espazos de acceso democrático á cultura, á información e á lectura, pero tamén como lugares de encontro, aprendizaxe e participación cidadá”. González referiuse tamén á transformación que están a experimentar estes servizos coa incorporación das novas tecnoloxías e afirmou que “a intelixencia artificial abre novas posibilidades, pero tamén formula interrogantes e riscos que debemos coñecer e abordar. O importante é que as bibliotecas poidan aproveitar estas ferramentas sen perder a súa esencia nin a súa función social, mantendo sempre as persoas no centro”. 

Precisamente, un dos eixos centrais desta segunda edición é o impacto da intelixencia artificial no presente e no futuro das bibliotecas públicas. O programa conta coa participación de representantes da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), do Grupo de Tecnoloxías da Información (Grupo Nós) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que achegan diferentes perspectivas sobre os retos e as oportunidades desta transformación. A dimensión práctica ten tamén un espazo destacado coa intervención de Manuel Gago, xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que aborda as posibles aplicacións da intelixencia artificial no traballo cotián das bibliotecas e as oportunidades que ofrece para mellorar os seus servizos. 

A promoción da lectura e a capacidade das bibliotecas para crear comunidade constitúen outro dos grandes bloques das xornadas. As escritoras Antía Yáñez e Marta Villar comparten as súas experiencias na coordinación de clubs de lectura e achegan recursos e metodoloxías para fomentar a participación e consolidar estes espazos de encontro arredor dos libros. 

O programa inclúe tamén unha sesión dedicada a eBiblio, o servizo público de préstamo de libros electrónicos, audiolibros e outros contidos dixitais. A intervención permite afondar nas posibilidades desta plataforma para ampliar o acceso á lectura máis alá dos espazos físicos das bibliotecas, así como nas ferramentas que facilitan unha experiencia lectora adaptada ás necesidades de diferentes persoas usuarias. 
