---
title: "Natividade González visita a biblioteca da Fundación Biblioteca Casa Consulado, beneficiaria das axudas culturais da Deputación"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, visitou este martes a biblioteca da Fundación Biblioteca Casa Consulado. Neste encontro, onde estivo acompañada pola directora da Bi..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-visita-a-biblioteca-da-fundacion-biblioteca-casa-consulado-beneficiaria-das-axudas-culturais-da-deputacion/
date: 2026-03-24
modified: 2026-03-24
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/G23Q2744.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González visita a biblioteca da Fundación Biblioteca Casa Consulado, beneficiaria das axudas culturais da Deputación

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, visitou este martes a biblioteca da Fundación Biblioteca Casa Consulado. Neste encontro, onde estivo acompañada pola directora da Biblioteca Provincial da Coruña, Carmen Ferreiro, puido coñecer de primeira man o labor cultural e patrimonial que desenvolve esta entidade.

Durante a visita, González puxo en valor o papel das bibliotecas e fundacións culturais como espazos fundamentais para a conservación e difusión do coñecemento, así como para a dinamización cultural do territorio. A deputada destacou tamén a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que contribúen a fortalecer o tecido cultural galego e a achegar a cultura á cidadanía.

**Case 650 000 euros en axudas a medio cento de entidades**

A Fundación Biblioteca Casa Consulado é unha das entidades beneficiarias da convocatoria de subvencións do programa FO215 impulsado pola Deputación da Coruña, dirixido a fundacións, museos, bibliotecas e organizacións culturais. Esta liña de axudas conta cun investimento total de 646 541,88 euros e permite apoiar a actividade de medio cento de entidades en toda a provincia.

Neste sentido, González lembrou que o obxectivo destas subvencións é «facilitar a programación de actividades culturais e fortalecer a rede de entidades que traballan pola promoción e difusión da cultura galega», ao tempo que subliñou o compromiso da institución provincial co apoio ao sector cultural, tanto no ámbito profesional como no amador.
A da Casa Consulado é unha biblioteca principalmente de fondo antigo, con fondos bibliográficos, documentais e cartográficos, desde o século XV. Está considerada como un centro de consulta imprescindíbel para os investigadores, especialmente da realidade histórica coruñesa e galega.
