---
title: "Natividade González vincula a MICE coa «nosa identidade e a nosa memoria colectiva»"
description: "Natividade González participou na inauguración da XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou o martes na inauguració..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-vincula-a-mice-coa-nosa-identidade-e-a-nosa-memoria-colectiva/
date: 2026-03-11
modified: 2026-03-11
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/GalaInaugural_MICE2026_05-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González vincula a MICE coa «nosa identidade e a nosa memoria colectiva»

Natividade González participou na inauguración da XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou o martes na inauguración da XXI edición da MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que se desenvolve do 10 ao 15 de marzo en distintos espazos de Santiago de Compostela e conta co patrocinio da institución provincial.

No acto inagural, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, interviñeron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, responsábeis da dirección da MICE.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou o valor da Mostra como «un punto de encontro para todas aquelas persoas que apostan polo cinema como ferramenta para documentar, preservar e difundir a nosa identidade e a nosa memoria colectiva». A deputada agradeceu tamén o traballo do equipo organizador e subliñou que a MICE se consolidou como «un referente no ámbito do cinema etnográfico, tanto en Galiza como fóra das nosas fronteiras».

A responsábel provincial salientou o compromiso da Deputación co apoio aos festivais audiovisuais, que cualificou como espazos fundamentais para a difusión do patrimonio cultural e para a promoción do talento creativo galego. Neste sentido, apuntou que o cinema etnográfico «lle dá voz ás historias que, doutro xeito, poderían quedar esquecidas, e pon en valor as persoas, os territorios e as formas de vida que conforman o noso mundo».

A sesión inaugural incluíu a proxección de *Redeiras*, creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón centrada no oficio das redeiras da Guarda, así como unha proxección sorpresa.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está promovida polo Museo do Pobo Galego e nesta edición abre unha nova etapa organizativa e visual baixo a coordinación do colectivo Memoria e Cinema. Durante seis días, o festival desenvolverá a súa programación en varios espazos da cidade, entre eles o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, Numax, o CGAC e a Fundación Eugenio Granell.
