---
title: "Natividade González subliña a importancia dos Premios María Casares como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo»"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, xunto coa deputada Avia Veira, participou o mércores na gala de entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, celebrada no Teatro..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-sublina-a-importancia-dos-premios-maria-casares-como-celebracion-do-talento-e-da-diversidade-do-teatro-galego-contemporaneo/
date: 2026-04-09
modified: 2026-04-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/XXX_Premios_Maria_Casares_Teatro_3-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González subliña a importancia dos Premios María Casares como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo»

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, xunto coa deputada Avia Veira, participou o mércores na gala de entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a gran cita anual das artes escénicas galegas. González destacou que os Premios María Casares son «o referente máis importante do recoñecemento das artes escénicas en Galiza» e subliñou o compromiso da Deputación co sector cultural galego.

Ao respecto, a responsábel da área cultural da Deputación subliñou a importancia que ten esta trixésima edición dos galardóns como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo».
A gala, dirixida por Gloria Rico, tivo como fío condutor a figura de Manuel Lourenzo. A deputada de Cultura lembrouno como «figura imprescindíbel» do teatro galego, verbas semellantes ás que usara poucos días antes co gallo da homenaxe ao grupo Tespis, no que o actor e dramaturgo dera os primeiros pasos.

**Palmarés da trixésima edición**

A edición deste ano estivo marcada polo éxito da montaxe *Reconversión*, de Ibuprofeno Teatro, que se converteu na gran gañadora da noite ao acadar seis galardóns, entre eles o de mellor espectáculo, dirección e texto orixinal. A peza completou o seu palmarés con recoñecementos ao espazo sonoro e ás interpretacións secundarias.

O palmarés estivo tamén repartido entre outras propostas destacadas da temporada. *A serie clopen,* do Centro Dramático Galego, e *TROMSØ,* de Morraoconto, acadaron cadanseu dobrete, mentres que* Berenguela na gaiola*, de Galeatro e *Xarope Tulú,* foi recoñecida como mellor espectáculo infantil e pola súa adaptación. Pola súa banda, Fran Lareu foi distinguido como mellor actor protagonista por *Un tal Romeo,* sumando tamén o premio ao mellor actor secundario polo seu papel en *Reconversión*.

Durante o acto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) entregou o Premio de Honra Marisa Soto á actriz Luma Gómez, en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coas artes escénicas galegas.
Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG e coa colaboración da Deputación da Coruña, constitúen o principal recoñecemento do sector teatral en Galicia e poñen en valor cada ano o talento e a creatividade das artes escénicas galegas.
