---
title: "Natividade González reivindica en Mariñán o papel estratéxico da cultura local como ferramenta de cohesión, democracia e transformación social"
description: "A Deputación da Coruña celebrou hoxe no pazo de Mariñán, en Bergondo, a primeira das dúas xornadas do programa de acompañamento formativo e de socialización pública do Manual para políticas culturais..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-reivindica-en-marinan-o-papel-estratexico-da-cultura-local-como-ferramenta-de-cohesion-democracia-e-transformacion-social/
date: 2026-04-30
modified: 2026-04-30
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/Xornada_manual_politicas_culturais_-_Natividade_Gonzalez_e_Fran_Quiroga-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González reivindica en Mariñán o papel estratéxico da cultura local como ferramenta de cohesión, democracia e transformación social

A Deputación da Coruña celebrou hoxe no pazo de Mariñán, en Bergondo, a primeira das dúas xornadas do programa de acompañamento formativo e de socialización pública do *Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura.* Esta obra, recentemente editada pola institución provincial, concíbese como unha ferramenta práctica para reforzar o desenvolvemento de políticas culturais transformadoras nos concellos da provincia.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia dunha publicación que definiu como froito «do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura» e agradeceu o traballo desenvolvido por Fran Quiroga e Adela Vázquez, así como a achega do asesor de Cultura da Deputación, Xavier Campos. González subliñou que «as políticas culturais constrúense desde o local» e reivindicou o papel dos concellos como espazos fundamentais para escoitar a veciñanza, detectar necesidades e tecer redes.

Durante a súa intervención, incidiu en que «a cultura é dereito, é acceso, é participación, é identidade compartida. Pero tamén é economía, cohesión social, pensamento crítico e futuro», defendendo que a aposta pola cultura fortalece os territorios e contribúe a construír sociedades máis xustas e vivas.

A xornada, baixo o título ‘Unha cultura que coida’, centrouse na formulación de propostas culturais que incorporen a perspectiva do coidado, a sustentabilidade e o fortalecemento das comunidades. O encontro reuniu persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia arredor dunha reflexión compartida sobre o papel das administracións locais no deseño de políticas culturais transformadoras.

González puxo tamén o foco na necesidade de cooperación institucional e no acompañamento aos concellos, sinalando que ferramentas como este manual permiten ofrecer «un marco, unha metodoloxía e propostas concretas» adaptábeis ás diversas realidades locais, nun contexto no que as administracións afrontan importantes retos sociais, económicos e demográficos.

A deputada expresou ademais o desexo de que esta publicación «non quede nunha estantería» e se converta nun instrumento de uso cotián para responsábeis políticos e persoal técnico municipal comprometido co impulso de políticas culturais planificadas, participadas e transformadoras.

O programa continuará cun segundo obradoiro, ‘Diagnose e estratexia cultural’, previsto para o mes de xuño en Santiago de Compostela.
