---
title: "Formoso felicita a Barbantia por “vinte anos de compromiso coa cultura” na entrega dos premios da entidade"
description: "A Casa da Cultura de Muros foi o escenario este sábado da entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2024, organizados pola Asociación Cultural Barbantia. O evento celebrou os 20 anos desta entidade, qu..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/formoso-felicita-a-barbantia-por-vinte-anos-de-compromiso-coa-cultura-na-entrega-dos-premios-da-entidade/
date: 2024-12-14
modified: 2024-12-14
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/12/1734183901614.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Formoso felicita a Barbantia por “vinte anos de compromiso coa cultura” na entrega dos premios da entidade

A Casa da Cultura de Muros foi o escenario este sábado da entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2024, organizados pola Asociación Cultural Barbantia. O evento celebrou os 20 anos desta entidade, que ten como obxectivo fundamental promover a cultura na comarca de Barbanza e crear pontes de colaboración entre os seus concellos.

O acto contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que na súa intervención destacou o papel de Barbantia como «motor cultural da comarca» e salientou o compromiso da institución provincial coa promoción cultural. Neste sentido, subliñou o investimento de 13 millóns de euros consignados nos orzamentos de 2025 para fomento da cultura en toda a provincia. «A Deputación está presente en todas as disciplinas artísticas, apoiando tanto as grandes urbes como as parroquias máis pequenas», afirmou o presidente provincial, que subliñou que «concibimos a cultura como un elemento igualador da sociedade, ao que todas as persoas deben ter acceso, independentemente do lugar onde vivan».

Os galardóns Barbantia deste ano recoñeceron a traxectoria de Che Tembra, ferreiro artesán e firme defensor dos oficios tradicionais; ao dúo musical rianxeiro Barahúnda; e ao músico noiés Rodrigo Romaní, fundador de Milladoiro. Os premiados foron descritos como «exemplo da rica e dinámica vida cultural de Barbanza».

A cerimonia reafirmou a importancia de traballar en rede para poñer en valor o patrimonio cultural da comarca, compartindo un obxectivo común: garantir que a cultura sexa accesible para todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia ou condición socioeconómica.
