---
title: "Estro Montaña e Pablo Escudero Abenza gañan o Torrente Ballester da Deputación da Coruña"
description: "O XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, xa ten gañadores. Na modalidade en galego, o premio recaeu en José Montaña Louzao, 'Est..."
url: https://aculturaeundereito.gal/estro-montana-e-pablo-escudero-abenza-ganan-o-torrente-ballester-da-deputacion-da-coruna/
date: 2025-11-13
modified: 2025-11-13
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/11/xurado_Torrente_galego.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Estro Montaña e Pablo Escudero Abenza gañan o Torrente Ballester da Deputación da Coruña

O XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, xa ten gañadores. Na modalidade en galego, o premio recaeu en José Montaña Louzao, ‘Estro Montaña’ (Betanzos) pola novela *Non hai paz no paraíso*, mentres que na modalidade en castelán o galardón foi para Pablo Escudero Abenza pola obra *Biblioteca familiar*.

O galardón busca recoñecer a excelencia narrativa tanto en lingua galega como en castelán, consolidándose como un referente literario. O premio está dotado con 15.000 euros para cada modalidade.

O xurado da modalidade en galego, composto por Ismael Ramos, Lara Dopazo, Ana Varela, Manuel Esteban e Loli Rodríguez (gañadora da pasada edición), salientou da obra gañadora o estilo coidado e o uso dunha linguaxe moi rica en matices. A peza ofrece un percorrido histórico pola sociedade galega da primeira metade do século XX, a través dunha serie de personaxes poliédricos que reflicten a complexidade política e social da época.

Na modalidade en castelán, o xurado, formado por Carmen G. Magdaleno, Raquel Delgado, David Uclés, Andrea Fernández Plata e José Antonio Bonet (gañador do ano pasado), destacou a honestidade do relato, o híbrido entre ficción e ensaio e a prosa limpa e fluída da obra. Segundo o ditame, *Biblioteca familiar* é unha historia de amor á literatura que inspira a lectura e a escrita, á vez que ofrece unha reflexión sobre moitos temas relacionados coa industria cultural.

**Sobre os autores**

Natural en Betanzos, Estro Montaña é catedrático de Lingua Española e Literatura e realizou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun autor cunha extensa traxectoria literaria que publicou, entre outras, as novelas *La última isla, As armas delicadas, Pancarta para Xulia e O tesouro de Catoira,* así como pezas de relato, crónica novelada, ensaio e libros de viaxe.

No que respecta a Escudero, o escritor é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense, especializado en Física Fundamental. Foi recoñecido en numerosos certames como Jóvenes Talentos de Brooket e Ámbito Cultural, Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa ou o Certame de Creación Joven del Injuve en Narrativa. Entre as súas publicacións destacan *Beber durante el embarazo, Mil dolores pequeños, ¡En el rincón de la derecha…! *ou* Las medallas de mercurio*.
