---
title: "Relacións co territorio"
description: "RELACIÓNS CO TERRITORIO. As persoas, a mediación e o diálogo coas comunidades locais é o que vertebra ESCORA. Cada ano, no outono anterior ao festival, achegámonos aos territorios que forman parte do..."
url: https://aculturaeundereito.gal/escora-danza/relaciones-co-territorio/
date: 2026-04-15
modified: 2026-07-22
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/06/Default-post02.jpg
type: page
lang: gl
---

# Relacións co territorio

# RELACIÓNS CO TERRITORIO

As persoas, a mediación e o diálogo coas comunidades locais é o que vertebra ESCORA.

Cada ano, no outono anterior ao festival, achegámonos aos territorios que forman parte do programa co obxectivo de coñecer en primeira persoa aos colectivos que conforman a vida cultural de cada territorio. Neste proceso de mapeado, identificamos os axentes que, máis alá das administracións públicas, dinamizan o contexto e participan activamente da vida sociocultural de cada un destes concellos.

Así é que deseñamos un proxecto que atende de xeito específico ás necesidades, inquedanzas e intereses de cada un destes contextos, tecendo unha ponte entre a danza e o territorio, co desexo e co obxectivo de sumar novos públicos para esta disciplina e de achegar o traballo das artistas galegas á veciñanza de cada lugar.

![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/escora-danza-relaciones-imagen-01.jpg)

### Camelle (Camariñas)

No Concello de Camariñas escollimos a parroquia de Camelle como territorio de acollida para esta edición. Esta escolla veu dada polo contexto e pola ampla presenza de asociacións e colectivos desta parroquia que se atopan activos traballando para e co territorio.

Así é como coñecemos os proxectos A Casa no Alto, Mar de Fábula, Asociación de Naufraxios Galegos e Asociación Folja da Faneca. Catro colectivos e proxectos referencias para o seu contexto que traballan para dinamizar, recuperar a memoria e coidar o territorio.

[![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/07/camelle-camarinas.jpg)](https://www.youtube.com/watch?v=j6QBiVUQmTA)

### Carballo

Carballo é un territorio que dende fai máis de vinte anos conta cunha programación regular de danza baixo o título Primavera en Danza. Un festival referente en Galicia que ofrece un amplo programa con compañías de danza galegas e estatais.

Neste concello achegámonos á comunidade vinculada á música e á danza tradicional, coñecendo ás asociacións; Arume, Nemeth, Escola do Alprende de Oza e San Campio de Cances.

[![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/07/carballo.jpg)](https://www.youtube.com/watch?v=5B-5mEDDPx8)

### Carnota

En Carnota traballamos especialmente nas parroquias de Pindo e Lira. Ambas con importante actividade cultural dinamizada principalmente polas Asociacións Pedramar e Canle de Lira respectivamente. A primeira conta cun grupo de teatro que utiliza o humor como ferramenta de reivindicación social, a outra, é un dos colectivos históricos referentes na contorna, con máis de 30 anos de actividade, realiza accións diversas, de carácter cultural e deportivo para a veciñanza.

En Carnota tamén se traballará co alumnado de 2º e 3º da ESO do I.E.S. Lamas do Castelo, para poñer en movemento á veciñanza máis nova.

[![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/07/o-pindo-lira-carnota.jpg)](https://www.youtube.com/watch?v=UZHvpqKEkFg)

### Mazaricos

A experiencia en Mazaricos a vinculamos especialmente a colectivos que traballan de xeito conxunto para mellorar o seu contexto sociocultural. Neste sentido achegámonos especialmente a dous colectivos de xeracións diferentes. Por unha banda a Asociación Cultural Abubela, capitaneada por un grupo de mulleres novas do territorio, e por outro, á Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, unha asociación moi lonxeva e referente na zona que impulsa diversas actividades para cativada e maiores.

Tamén existe no territorio un colectivo adicado á recuperación da Danza de Arcos, unha danza de entroido de tradición histórica na contorna.

O proxecto tamén visita o C.P.I. Plurilingüe da Picota, e traballará co alumnado de 4º e 5º de Primaria.

[![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/07/mazaricos.jpg)](https://www.youtube.com/watch?v=GktDwrjCKz4)

### Ponteceso

Ponteceso tamén forma parte do mapa de ESCORA, coa súa riqueza cultural e a implicación das comunidades locais. Aquí trabállase coa veciñanza e os colectivos para fortalecer a conexión entre danza e territorio.

[![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/07/ponteceso.jpg)](https://www.youtube.com/watch?v=6yzluVNVcYo)
