---
title: "Xosé Penas destaca na presentación da Mostra de Cinema Etnográfico a «ollada diferente» dun evento que fala «de todo o que somos»"
description: "A Deputación da Coruña participou esta mañá na presentación da XXI edición da MICE - Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que conta co patrocinio da institución e terá lugar do 10 ao 15 de marz..."
url: https://aculturaeundereito.gal/xose-penas-destaca-na-presentacion-da-mostra-de-cinema-etnografico-a-ollada-diferente-dun-evento-que-fala-de-todo-o-que-somos/
date: 2026-03-04
modified: 2026-03-04
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/Miriam_Louzao_Xose_Penas_Concha_Losada_Fran_Rodriguez_Casal_Coral_Pineiro_e_Jacobo_Sutil_2-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Xosé Penas destaca na presentación da Mostra de Cinema Etnográfico a «ollada diferente» dun evento que fala «de todo o que somos»

A Deputación da Coruña participou esta mañá na presentación da XXI edición da MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que conta co patrocinio da institución e terá lugar do 10 ao 15 de marzo en distintos espazos de Santiago de Compostela. No acto tomaron a palabra o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas Corral; da concelleira de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; da presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e dos membros da dirección da MICE, Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro.

Durante a súa intervención, o deputado destacou que a Mostra chega á súa vixésimo primeira edición «realmente asentada dentro da programación cultural e diría que patrimonial do concello e da comarca de Compostela», e subliñou a importancia de contar cun festival que achega «unha ollada diferente, tanto nas formas como no fondo», centrada no enfoque etnográfico e antropolóxico. Penas puxo en valor que a MICE fale «de todo o que somos» desde diferentes perspectivas, nacionais e internacionais, buscando puntos de encontro «tan necesarios nestes convulsos tempos».

O deputado incidiu tamén na fortaleza do sector audiovisual galego como «forma de expresión e pensamento creativo para expoñer a nosa realidade como pobo», e salientou a colaboración co mundo académico e co tecido audiovisual, desde o máis pequeno ata o máis grande, convertendo as súas experiencias nas temáticas que chegarán ás pantallas nesta edición.

Como exemplo, referiuse á estrea da peza *Redeiras*, ao redor dos oficios do mar, da transmisión e da historia, «levando á pantalla parte do noso patrimonio». Así mesmo, asegurou que a MICE «ensínanos a pensar, a ser críticos, a revisar conceptos no pensamento e na experimentación a través dunha linguaxe universal», nun contexto global no que, máis alá das fronteiras, moitas historias resultan máis próximas do que imaxinamos.

**Programación**

A Mostra desenvolverase do 10 ao 15 de marzo en varios espazos da cidade, entre eles o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, Numax, o CGAC e a Fundación Eugenio Granell. A sesión inaugural terá lugar o martes 10 de marzo ás 20:30 horas no Teatro Principal, coa proxección de *Redeiras*, creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón centrada no oficio das redeiras da Guarda, e incluirá tamén unha proxección sorpresa.

A edición deste ano abre unha nova etapa organizativa e visual baixo a coordinación do colectivo Memoria e Cinema, mantendo o Museo como entidade promotora.
