---
title: "Volve “Un Torrente de Conversas” protagonizado por Marcos Giralt Torrente, Víctor Freixanes e Bibiana Candia"
description: "A Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, reforza a convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa cunha nova edición do ciclo \"Un Torrente de Conversas\" que este ano terá como prot..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/volve-un-torrente-de-conversas-protagonizado-por-marcos-giralt-torrente-victor-freixanes-e-bibiana-candia/
date: 2022-07-18
modified: 2022-07-18
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/07/BCandia_AngelManso.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Volve “Un Torrente de Conversas” protagonizado por Marcos Giralt Torrente, Víctor Freixanes e Bibiana Candia

A Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, reforza a convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa cunha nova edición do ciclo «Un Torrente de Conversas» que este ano terá como protagonistas aos escritores Marcos Giralt Torrente, Víctor Freixanes e Bibiana Candia. O deputado Xurxo Couto anuncia que o escritor e neto de Torrente Ballester, Marcos Giralt Torrente, «formará parte do xurado deste ano por primeira vez na historia do premio literario que convoca a Deputación desde 1989».

Giralt Torrente visitará A Coruña no mes de novembro para fallar o premio e manter un encontro co seu público lector. Será un dos tres escritores protagonistas da nova edición do ciclo «Un Torrente de Conversas». Os galegos Víctor Freixanes e Bibiana Candia completan o cartel co que a Deputación quere celebrar os 30 anos do primeiro Torrente en galego que gañou Freixanes coa novela «A cidade dos Césares».

Era o ano 1992 cando Víctor Freixanes, xa consolidado como escritor aos seus 41 anos tras conseguir dúas veces o Premio da Crítica, gañaba a cuarta edición do Torrente cunha novela escrita en galego, inaugurando así a nómina de autores que conseguirían anos despois o prezado galardón literario escribindo en galego: Manuel Rivas, Xose Carlos Caneiro, Eli Ríos ou Antón Riveiro Coello.

Tres décadas despois, a reedición de «A cidade dos Césares» chega este mes ás librarías da man da Editorial Galaxia e o xoves, 28 de xullo ás 19,30 h da tarde, a Deputación da Coruña levará ata a libraría Lume da Coruña «Un Torrente de Conversas» con Víctor Freixanes como protagonista. O acto será presentado pola escritora Bibiana Candia, autora de «Azucre» e membro do xurado da nova edición do Premio Torrente Ballester que se fallará en novembro.

O ciclo «Un Torrente de Conversas» naceu o ano pasado con dous gañadores do premio como protagonistas: Ignacio Martínez de Pisón e Manuel Rivas. Neste 2022, a Deputación da Coruña aposta por seguir reforzando a convocatoria do Torrente co obxectivo de tecer unha rede de espazos lectores para visibilizar os premios literarios que anualmente convoca a área de Cultura.
