Saltar al contenido
>

Valentín González Formoso destaca o recoñecemento internacional do Festival de Ortigueira como “emblema da cultura celta”

Valentín González Formoso destaca o recoñecemento internacional do Festival de Ortigueira como “emblema da cultura celta”

A Praza Isabel II acolleu esta tarde o acto inaugural da 50ª edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un evento declarado de Interese Turístico Internacional que, durante catro días, converterá de novo a esta vila da comarca do Ortegal na capital mundial da música folk.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde, Valentín Calvín, ás deputadas provinciais Natividade González e Cristina García e outras autoridades, na apertura oficial do festival, onde destacou o papel fundamental de Ortigueira como referente cultural e «símbolo vivo da tradición celta».

Na súa intervención, Formoso trasladou os seus parabéns a todas as persoas, entidades e voluntarios que fan posible que, durante uns días, Ortigueira se transforme por completo para acoller milleiros de visitantes, músicos e curiosos que comparten algo máis que música, «un espírito de convivencia, identidade e comunidade que une ás nacións celtas a través do tempo».

Neste sentido, subliñou a proxección internacional deste evento: «Hai uns meses, nunha viaxe a Irlanda para colocar a primeira sinal do Camiño Celta a Santiago, varias persoas faláronme de Ortigueira como unha cita obrigada para os amantes da música celta. Sentín un profundo orgullo, de ser galego e de saber que o nome de Ortigueira soa con forza nos lugares máis emblemáticos da cultura celta europea».

O presidente provincial subliñou tamén a relevancia desta edición número cincuenta, na que se rende homenaxe ás súas orixes e ás persoas e entidades que fixeron posible o nacemento do festival, como a Escola de Gaitas de Ortigueira e Xavier Garrote, que puxo en marcha o evento hai medio século. «Daquela primeira edición queda pouco na forma, pero moito na esencia. O espírito, a paixón pola música, a vontade de compartir e de preservar unha identidade común seguen intactos», asegurou o presidente provincial.

Tamén puxo en valor a implicación das novas xeracións, que garanten que o festival siga evolucionando sen perder a súa alma. Neste sentido, recoñeceu o traballo do Concello de Ortigueira, organizador do evento, e reiterou o apoio da Deputación da Coruña, que desde hai décadas apoia economicamente o desenvolvemento do festival.

Pola súa banda, a deputada de Cultura expresou o seu «orgullo» por apoiar «un evento como este, que representa o mellor da nosa identidade: a música, a tradición, a diversidade e a liberdade creativa». Natividade González sinalou que Ortigueira «non é só un festival; é un encontro de culturas irmás, un fío invisible que nos une a todos os países que compartimos a alma celta e a forza da música como lingua universal. Aquí, a tradición non é unha peza de museo: é un río vivo que flúe e se renova».
«Desde a Deputación da Coruña», engadiu, «cremos firmemente nunha cultura aberta, pública e participativa, comprometida co territorio. O noso compromiso é estar ao lado dos festivais que dignifican o traballo artístico, que coidan o territorio e que apostan pola calidade sen renunciar á identidade».

O Festival de Ortigueira agarda recibir este ano máis de 100.000 persoas, cun cartel que combina tradición, innovación e diversidade musical, reforzando o seu papel como espazo de encontro das culturas celtas do mundo.

Compartir

Novas destacadas

La Diputación reconoce la figura de José Suárez con el premio honorífico de Fotógrafo Histórico

La Diputación de A Coruña aborda la colaboración entre cultura y acción social para avanzar hacia una participación cultural más inclusiva

La diputada de cultura clausura el Congreso «Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936»