---
title: "Ugia Pedreira e Quico Cadaval, protagonistas do episodio de Referentes do mes de outubro"
description: "A cantora e compositora, Ugia Pedreira, e o dramaturgo e contador, Quico Cadaval, protagonizan o vindeiro episodio de Referentes. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da á..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/ugia-pedreira-e-quico-cadaval-protagonistas-do-episodio-de-referentes-do-mes-de-outubro/
date: 2022-10-20
modified: 2022-10-20
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/10/Referentes-13.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Ugia Pedreira e Quico Cadaval, protagonistas do episodio de Referentes do mes de outubro

A cantora e compositora, Ugia Pedreira, e o dramaturgo e contador, Quico Cadaval, protagonizan o vindeiro episodio de Referentes. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 28 de outubro a partires das 12h.

Desde os inicios das súas respectivas carreiras -un tema sempre presente nas conversas de Referentes-, ata como viven a situación actual a nivel persoal e profesional, pasando por anécdotas familiares, salientando a influenza feminina, centran a conversa do vindeiro programa.

Ao longo da conversa van abordando como a contorna das súas infancias e xuventude foi influíndo na súa educación social e persoal, a visión do mundo que iso lles aportou; ou como é a súa relación co público dependendo dos diferentes formatos de espectáculo, ou como se preparan a nivel persoal para actuar no eido da música e das artes escénicas.

Ambos contestan, ademais, á pregunta que os ‘referentes’ do anterior episodio –María Reimóndez e Oliver Laxe-, lles deixaron formulada: dunha banda «que conten algunha experiencia que tivesen na colectividade e que experimentasen como algo transformador», e por outra «que indiquen que lles falta para ser máis coherentes ou estar máis conectados cos seus corazóns».

Nesta segunda tempada de Referentes, que se estreou o pasado mes de abril, participaron Margarita Ledo en conversa con Xabier Fortes, Melania Freire con Pepe Barro, Pepe Solla con Manuel Gago, María Reimóndez con Oliver Laxe, e Ugia Pedreira con Quico Cadaval. A segunda tempada de Referentes rematará cun último episodio no mes de novembro.
