---
title: "“Sonora”, de Aitor Vázquez Torres, premio Andrés Gaos 2025 de composición musical da Deputación na categoría Ensemble"
description: "O compositor e director de orquestra Aitor Vázquez Torres (Xerez da Fronteira, 1993) é, coa obra \"Sonora\", o gañador do XVI Premio Andrés Gaos de composición musical na categoría Ensemble (formato de..."
url: https://aculturaeundereito.gal/sonora-de-aitor-vazquez-torres-premio-andres-gaos-2025-de-composicion-musical-da-deputacion-na-categoria-ensemble/
date: 2025-11-07
modified: 2025-11-07
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/11/xurado_Andres_Gaos.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# “Sonora”, de Aitor Vázquez Torres, premio Andrés Gaos 2025 de composición musical da Deputación na categoría Ensemble

O compositor e director de orquestra Aitor Vázquez Torres (Xerez da Fronteira, 1993) é, coa obra “Sonora”, o gañador do XVI Premio Andrés Gaos de composición musical na categoría Ensemble (formato de cámara). Vázquez Torres opta tamén ao outro galardón do certame convocado pola Deputación da Coruña, con “Fenda”, finalista na modalidade Orquestra, xunto con “Shunya”, de Manuel Contreras, e “Ideograma”, de Juan Cruz Guevara. Os tres serán invitados, o 8 e o 9 de xaneiro de 2026, a unhas xornadas de traballo coa Orquestra Sinfónica de Galicia nas que, o último día, se interpretarán as tres partituras candidatas, entre as que o xurado proporá a gañadora.

O vencedor de cada categoría recibirá 6.500 euros; na de formato de cámara, ademais, a obra gañadora será interpretada polo ensemble que seleccione a Deputación.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu un xurado que estivo formado por César Aires Oliveira Melo Nunes Viana, José Manuel López López, María Domínguez, Haruna Takebe e Juan Antonio Cuéllar. Como secretaria, actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. Nesta edición, o comité de avaliación tivo que valorar dez partituras na modalidade Orquestra e cinco obras na Ensemble.

De “Sonora”, o xurado destaca que se trata dunha partitura “sólida, cunha grande atención ao timbre e ao tratamento sonoro de todos os materiais e unha gran coherencia formal”. Tamén valorou “a exploración exhaustiva da voz a través do conxunto sonoro e a transformación constante dunha instrumentación delicada e coidada que mostra unha voz persoal e un dominio claro da orquestración”.

**Sobre o gañador**
Aitor Vázquez Torres é compositor e director de orquestra. Estudou Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (RCSMM), onde recibiu o Premio Flora Prieto-Jorcam de Composición, ao que lle seguiu o segundo premio no I Concurso de Jóvenes Compositores Andaluces.

Logo de completar os estudos en Composición, continuou a súa formación en Dirección de Orquestra na Kunst-Universität de Graz (Austria), con Marc Piollet e Wolfgang Döerner, complementando ese aprendizaxe con clases maxistrais de Roland Klutig e prácticas con Klangforum. Especializouse en dirección de música contemporánea, en Suíza, con Arturo Tamayo; na Academia de Verán do Remix Ensemble, con Peter Rundel, e no curso de dirección do Divertimento Ensemble, con Sandro Gorli. Desde 2021 participa como director principal invitado do Arxis Ensemble, e tamén dirixiu en citas como a Festival RESIS de Música Contemporánea, os ciclos “Matinais Musicais”, da Casa da Cultura de Santiago de Compostela, e no certame final da XV edición do Premio Gaos de Composición.

Na actualidade, combina o seu labor como director cun regreso á composición, que lle valeu ser o gañador da Convocatoria de Jóvenes Compositores/as de Plural Ensemble 2024, coa obra “Credo”; Mención no “Ink Still Wet” 2025 do Festival Grafenegg, e vencedor do XXIII Premio Internacional Joan Guinjoan para Jóvenes Compositores 2025, coa obra “Stigma”. En 2025 obtivo o recoñecemento de Joven Talento de Jerez 2025.
