---
title: "Regina Giménez gaña o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica coa obra “Pensar un paisaje”"
description: "A barcelonesa Regina Giménez é a gañadora do XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica con \"Pensar un paisaje\", una obra que, segundo o xurado \"destaca pola súa frescura no uso da cor, combi..."
url: https://aculturaeundereito.gal/regina-gimenez-gana-o-xx-premio-internacional-jesus-nunez-de-arte-grafica-coa-obra-pensar-un-paisaje/
date: 2025-06-20
modified: 2025-06-20
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/06/obra_ganadora_Jesus_Nunez.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Regina Giménez gaña o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica coa obra “Pensar un paisaje”

A barcelonesa Regina Giménez é a gañadora do XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica con “Pensar un paisaje”, una obra que, segundo o xurado “destaca pola súa frescura no uso da cor, combinando formas ludicamente sinxelas, pero de alta complexidade conceptual e simbólica”. Os dous accésits, para bolsas de formación nun curso do Máster sobre obra gráfica, recaeron en Pawel Delekta, pola obra “Lapidarum III”, e Tomás Pariente, por “Stripsafter Richter. r XVIII”.

A deputada de cultura, Natividade González, presidiu o xurado, que se reuniu na sede de Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, en Betanzos, e que formaron José Andrés Santiago Iglesias, José María Luna Aguilar, João Rosa Guerra Prates, Antonia Fraga Lombardero e María Rosario Sarmiento Escalona. Como secretaria actuou Manuela Lorenzo Rodríguez, xefa a sección de Educación e Cultura.

Tamén estiveron presentes, sen voz nin voto, Pedro González Galilea, director da Fundación e comisario do certame; María Sánchez Pena, administrativa da Fundación, e Marcos Sánchez, da empresa A Forxa Producións, coordinadora dos premios e certames convocados.

Natividade González agradeceu a colaboración de todos os asistentes e destacou a calidade e o número de obras presentadas 206, “o que fala da importancia e do impacto que ten o premio no ámbito internacional da arte gráfica”.

Pedro González Galilea manifestou o agradecemento á Deputación por manter o Premio desde o ano 2006 de xeito ininterrompido, “conseguindo que sexa un referente no campo da obra gráfica”. Salientou tamén “a importancia de que se faga un catálogo das obras que compoñen a exposición itinerante do certame, xa que moitos outros limítanse a un premio e, neste caso, queda o catálogo como referente”.

Precisamente a exposición itinerante estará composta este ano por vinte e nove obras; as tres premiadas e estas outras vinte e seis que escolleu o xurado.
