---
title: "Publicadas as bases da Rede Cultural da Deputación, cun orzamento de máis de dous millóns de euros no 2026"
description: "A Rede Cultural da Deputación da Coruña terá en 2026 un orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Consonte se publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para que artistas, em..."
url: https://aculturaeundereito.gal/publicadas-as-bases-da-rede-cultural-da-deputacion-cun-orzamento-de-mais-de-dous-millons-de-euros-no-2026/
date: 2025-12-19
modified: 2025-12-19
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/rede_cultural.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Publicadas as bases da Rede Cultural da Deputación, cun orzamento de máis de dous millóns de euros no 2026

A Rede Cultural da Deputación da Coruña terá en 2026 un orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Consonte se publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto desde o 8 de xaneiro ata o 29 de xaneiro de 2026. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, dependendo do número de habitantes de cada concello.

Segundo fixo saber a Deputación, os concellos deberán solicitar actuacións entre o 6 e o 20 de marzo de 2026, e a resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 8 de abril de 2026 no caso dos concellos e antes do 15 de maio de 2026 no caso das entidades. Os espectáculos terán lugar no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2026 e ata o 31 de marzo de 2027.

Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: **Escena ao vivo!** (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), **Visións** (cinema e contidos audiovisuais), **Lingua a Escena!** (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e **Alicerce** (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

No caso de Alicerce, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
