---
title: "Pilar Ortega e Antonio Manuel Fraga gañan o XX Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación "
description: "O certame acada a súa vixésima edición cun récord de participación ao recibir 84 obras, case o dobre que na anterior convocatoria, repartindo 6.500 euros de premio en cada categoría.  . A Coruña, 2 de..."
url: https://aculturaeundereito.gal/pilar-ortega-e-antonio-manuel-fraga-ganan-o-xx-premio-raina-lupa-de-literatura-infantil-e-xuvenil-da-deputacion/
date: 2026-11-02
modified: 2026-11-02
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/11/1793277016173.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# Pilar Ortega e Antonio Manuel Fraga gañan o XX Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación 

- **O certame acada a súa vixésima edición cun récord de participación ao recibir 84 obras, case o dobre que na anterior convocatoria, repartindo 6.500 euros de premio en cada categoría.** 

- **A Coruña, 2 de novembro de 2026**. A Deputación da Coruña ven de dar a coñecer as obras gañadoras da XX edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Na categoría Infantil, o galardón recaeu na autora Pilar Ortega pola obra “A bruxa Maruxa que non aturuxa”, mentres que na modalidade Xuvenil o gañador foi o escritor Antonio Manuel Fraga coa obra “Canguros de Marcory”. 

O xurado destacou da proposta de Pilar Ortega que se trata duna historia “moi divertida cunha trama moi ben construída entre a realidade e a fantasía”. O fallo puxo en valor a reinterpretación atractiva das tradicións, da música popular e da tradición oral galega, así como a súa voz narrativa crible e unha protagonista espontánea que rompe coas convencións sociais. 

Pola súa banda, no texto de Antonio Manuel Fraga valorouse a súa capacidade para achegar os lectores a “unha realidade pouco coñecida a través dunha viaxe de autocoñecemento entre amigos en Costa de Marfil”, subliñando ademais “a presenza da música como fío conductor entre o pasado, o presente e o futuro dos seus personaxes”. 

Esta vixésima edición do certame rexistrou un récord de participación con 84 obras recibidas, case o dobre que na anterior convocatoria, na que se presentaran 49 orixinais. Cada unha das categorías conta cunha dotación económica de 6.500 euros. 

O xurado encargado do fallo estivo formado por Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, Quique Mauricio, Montse Pena, Anxo Fariña e Ivana Gómez en representación de Galix. 

**Notas biográficas dos gañadores** 

Pilar Ortega Pereiro naceu en Vigo no ano 1975, cidade onde reside, traballa e cría ás súas fillas Candela e Ada. Titulada en Enxeñaría Industrial na especialidade de Mecánica, exerce dende o ano 2001 como docente de Tecnoloxía no ensino secundario. Dende moi nova compaxina a súa vocación científica coa creación literaria. Ao longo da súa traxectoria obtivo o segundo premio de Novela Curta do Concello de Soutomaior no ano 2008 pola obra “Virxinia”, o XII Premio de Microrrelato Carlos Casares do Liceo de Ourense con “Gangrena”, o XIX Premio de Narración Curta Ánxel Fole no ano 2017 por “Principio de Incerteza” e o IV Premio María Victoria Moreno. Tamén conta con relatos galardoados e publicados en obras colectivas como “París de Oito a Nove”, “O soño do peneque”, “Sereo”, “Vigófono” ou “Noites de voda ou non?”. 

Antonio Manuel Fraga naceu en Pontedeume no ano 1976 e formouse como enxeñeiro técnico industrial antes de dedicarse á escritura. Conta con unha ampla e recoñecida traxectoria na literatura infantil e xuvenil galega. Entre os galardóns acadados ao longo da súa carreira figuran o Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2013 por “O Castañeiro de Abril”, o Premio Antón Risco de Literatura Fantástica en 2015 por “Querido H.P. Lovecraft”, o Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria en 2017, o Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil en 2018 por “O bestiario científico de Anxos Nogueirosa”, o Premio da Gala do Libro á mellor obra xuvenil en 2019, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2020 por “Santoamaro”, o Premio Follas Novas ao mellor libro xuvenil en 2021 e ao mellor libro infantil en 2025, o Premio Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero en 2024 pola novela Askja, e o Premio Frei Martín Sarmiento en 2025. 
