---
title: "Os concellos da provincia poden solicitar espectáculos da Rede Cultural 2026 até o vindeiro 20 de marzo"
description: "A Deputación da Coruña abriu este venres, 6 de marzo, o prazo para que concellos e entidades soliciten espectáculos dentro da Rede Cultural 2026, prazo que ficará aberto até o vindeiro día 20 ás 14:00..."
url: https://aculturaeundereito.gal/os-concellos-da-provincia-poden-solicitar-espectaculos-da-rede-cultural-2026-ate-o-vindeiro-20-de-marzo/
date: 2026-03-06
modified: 2026-03-06
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/rede_cultural.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Os concellos da provincia poden solicitar espectáculos da Rede Cultural 2026 até o vindeiro 20 de marzo

A Deputación da Coruña abriu este venres, 6 de marzo, o prazo para que concellos e entidades soliciten espectáculos dentro da Rede Cultural 2026, prazo que ficará aberto até o vindeiro día 20 ás 14:00 horas. O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Segundo establecen as bases publicadas no *Boletín Oficial da Provincia*, a institución provincial financiará entre un 30 e un 75% do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada concello.

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que a Rede Cultural «será, un ano máis, unha das ferramentas centrais da Deputación da Coruña para garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia». Farao, ademais, «consolidando un modelo de cooperación cos concellos que permite programar actividades culturais de maneira estábel» nos 93 municipios da provincia.

O catálogo da Rede Cultural estrutúrase en catro programas: **Escena ao Vivo!** (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), **Visións** (cinema e contidos audiovisuais), **Lingua a Escena!** (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos orientados á dinamización social da lingua galega) e **Alicerce** (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

No caso de Alicerce, ademais dos concellos, poden contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.

Nesta edición figuran inscritas un total de 2.158 propostas de espectáculos, número moi similar á do ano anterior e tamén cunha distribución parella nas diferentes disciplinas artísticas ou categorías. Dentro de Escena ao Vivo! inclúense 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de danza e 91 de maxia. A convocatoria Visións reúne 89 propostas audiovisuais, mentres que Lingua a Escena! conta con 68 espectáculos e o programa Alicerce suma 427 espectáculos.

Durante o proceso de revisión avaliáronse un total de 2.813 expedientes. Finalmente quedaron descartados 77 por diferentes motivos, dos cales 37 corresponden a espectáculos.
No caso de Lingua a Escena!, a comisión correspondente valorou 120 propostas, das que finalmente quedaron inscritas 68. Pola súa banda, na categoría de danza de Escena ao Vivo! a comisión valorou 95 propostas, quedando inscritas 79. Nos dous casos, as propostas descartadas nestas categorías quedaron inscritas noutras categorías de Escena ao Vivo!.

**Resolución de adxudicación**

A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 8 de abril no caso dos concellos e antes do 15 de maio no caso das entidades. As actuacións terán lugar no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2026 e até o 31 de marzo de 2027.
