---
title: "O Premio Torrente Ballester da Deputación decidirase o 10 de novembro no Pazo de Mariñán"
description: "O Pazo de Mariñán será o venres 10 de novembro o escenario das dúas xuntanzas dos xurados da XXXV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Dez membros de cada xurado,..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/o-premio-torrente-ballester-da-deputacion-decidirase-o-10-de-novembro-no-pazo-de-marinan/
date: 2023-11-07
modified: 2023-11-07
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/11/LOGO.png
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# O Premio Torrente Ballester da Deputación decidirase o 10 de novembro no Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán será o venres 10 de novembro o escenario das dúas xuntanzas dos xurados da XXXV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Dez membros de cada xurado, conformado por xornalistas e escritores e escritoras do panorama galego e estatal, reuniranse para deliberar e elixir as obras gañadoras.

**Encontro na librería Lume**
Esa mesma tarde, tras a xuntanza, haberá un encontro na librería Lume da Coruña con tres dos membros dos xurados: Ledicia Costas, Diego Ameixeiras e Cristina Sánchez-Andrade. A cita, aberta ao público, celebrarase ás 19.00 horas.

**Membros dos xurados**
O xurado da modalidade en lingua castelá está composto por Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Pola súa parte, o xurado na modalidade en lingua galega está conformado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro.

**Sete premios en 2023**
Coa concesión do Premio Torrente Ballester, a Deputación da Coruña pechará o 2023 con sete novas obras galardoadas nos seus certames literarios: «Rosalía Oculta» de Paula Mayor Agrelo e «O Día de San Martiño» de Cristian Fojón Caruncho como gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada nas modalidades xeral e LIX respectivamente; «Catro exemplos da «arte dexenerada» galega fóra da España saudable» de Blanca Paula Rodríguez Garabatos como gañadora do Manuel Murguía de Ensaio; «Conxo, non restraint» de Alberto M. Ramos Ríos como gañadora do Rafael Dieste de textos teatrais e «As pedras verdes» de Rafael Fernández Lorenzo como gañadora do Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Á banda deseñada, ensaio, teatro e LIX sumaranse as dúas novelas premiadas trala deliberación do «Conclave de Mariñán» o 10 de novembro. As sete obras serán publicadas durante o ano 2024.
