---
title: "O prazo para presentar orixinais aos premios Castelao e Torrente Ballester amplíase ata o 15 de xuño"
description: "A Deputación da Coruña vén de ampliar ata o 15 de xuño o prazo para presentar orixinais ao XVII Premio Castelao de banda deseñada e ao XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa. Convén lembrar que..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-prazo-para-presentar-orixinais-aos-premios-castelao-e-torrente-ballester-ampliase-ata-o-15-de-xuno/
date: 2022-04-29
modified: 2022-04-29
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/04/Premios_Deputacion_2022-Narrativa-Galega_TW.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O prazo para presentar orixinais aos premios Castelao e Torrente Ballester amplíase ata o 15 de xuño

A Deputación da Coruña vén de ampliar ata o 15 de xuño o prazo para presentar orixinais ao XVII Premio Castelao de banda deseñada e ao XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa. Convén lembrar que a dotación económica destes certames ascende a 6.500 euros para as obras gañadoras das dúas categorías a concurso do Castelao, e 15.000 € para as obras gañadoras do Torrente Ballester, tanto en lingua galega como o en lingua castelá.

O Premio Castelao de banda deseñada establece dúas modalidades a concurso: a xeral, á que se poden presentar obras dirixidas a todo tipo de lectores e lectoras, e a LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. Ademais, ao premio poden optar proxectos —que consistirán nun expediente cun mínimo de 16 páxinas rematadas e unha sinopse detallada do contido da obra completa, cunha extensión máxima de tres páxinas—, e obras completas, tanto en guión como en debuxo, en cuxo caso deben ser orixinais, inéditas e non publicadas, na súa totalidade ou parcialmente. A obra ‘Nós Seis’, da coruñesa Julia Lago (A Coruña 1994) foi a gañadora en 2021.

No Premio Torrente Ballester de narrativa poden participar todas as persoas, maiores de idade, que non fosen premiadas nos cinco anos anteriores e que presenten narracións inéditas —novelas, relatos ou conxuntos de relatos—, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas, total ou parcialmente, de tema e extensión libres. Raúl Santos Ageitos, coa novela ‘Cornucopia’, e María Cureses de la Vega, coa obra ‘Ni luz ni llanto’, resultaron gañador e gañadora da última edición, á que se presentaron 407 orixinais: 330 ao premio en castelán e 77 ao premio en galego.
