---
title: "O grupo “O ritmo dos soños” de Caión e o dúo “Temos terras” de Santiago e Teo, gañan o VI Concurso Quero Cantar"
description: "O grupo \"O ritmo dos soños\" de Caión e o dúo \"Temos terras\" de Santiago e Teo, gañan o VI Concurso Quero Cantar nas categorías infantil e xuvenil respectivamente. As formacións gañadoras veñen de coñe..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-grupo-o-ritmo-dos-sonos-de-caion-e-o-duo-temos-terras-de-santiago-e-teo-ganan-o-vi-concurso-quero-cantar/
date: 2023-04-23
modified: 2023-04-23
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/04/O_ritmo_dos_sonos.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O grupo “O ritmo dos soños” de Caión e o dúo “Temos terras” de Santiago e Teo, gañan o VI Concurso Quero Cantar

O grupo “O ritmo dos soños” de Caión e o dúo “Temos terras” de Santiago e Teo, gañan o VI Concurso Quero Cantar nas categorías infantil e xuvenil respectivamente. As formacións gañadoras veñen de coñecerse esta tarde nunha gala que tivo lugar no Teatro Colón da Coruña e na que actuaron en directo as seis formacións finalistas ante un xurado formado por rapaces e rapazas das mesmas idades que as concursantes.

Á gala, que estivo conducida pola actriz e contadora, Soledad Felloza, tamén asistiu o deputado de Cultura, Xurxo Couto, cuxo departamento impulsa este concurso co obxecto de seguir promovendo e difundindo o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre o público máis novo. Como artistas convidadas, e mentres os xurados deliberaban, actuaron a banda Bonhomía e a solista Noelia Perpetuo, gañadoras da anterior edición.

**Categoría infantil**

**Primeiro premio: O Ritmo dos soños**. Formación que nace dentro do coro do CEIP de Caión co obxectivo de se presentar ao concurso Quero cantar. A banda está formada por alumnado de segundo, terceiro, quinto e sexto de primaria, máis o profesor de música do centro.

**Segundo premio: Os Termais**. Son un grupo dun colexio de Cortegada, na comarca do Ribeiro. Está composto por compañeiros e compañeiras de cuarto, quinto e sexto de primaria. Escolleron o nome pola concentración de augas termais que se rexistra na zona; especialmente, en Cortegada, onde hai varios balnearios.

**Terceiro premio: Guitarristas de Barouta**. É o grupo de guitarra do CEIP Barouta (Ames) e está formado por alumnos e alumnas de Miguel Alonso. Foi nas súas aulas onde compuxeron a súa primeira canción, na que falan da inclusión no patio e nos xogos.

**Categoría xuvenil**

**Primeiro premio: Temos Terras.** Dúo formado por Alejandra Saavedra (guitarra e voz), de Teo, e Lucas Arango (piano e voz), de Santiago de Compostela, ambos cunha ampla formación musical desde a infancia. Xuntáronse como dúo no instituto

S**egundo premio: Raquel Barreiro.** É unha moza de 16 anos do concello de Ames que escribe as súas propias cancións. Estuda guitarra, canto e frauta traveseira. Xa participou no Quero Cantar, na categoría de infantil, en varias ocasións, e mesmo chegou á final coa banda As estrelas do rock. Tamén pertenceu a outras, coma Ramalloss ou Trece.

**Terceiro premio: Euterpe.** Formación na que participa alumnado de todos os niveis educativos do IES do Milladoiro (Ames) e que coordina o profesor de música Manolo Maseda. Presentáronse ao Quero Cantar cun tema que fala das e dos compoñentes da banda e das súas circunstancias vitais.
