---
title: "O Festival Rosalía acolle a presentación de “Rosalía Oculta”, de Paula Mayor, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023"
description: "O Festival Rosalía, unha cita organizada pola Deputación e o Concello de Santiago durante os días 21, 22 e 23 de febreiro para render homenaxe a Rosalía de Castro, acolleu onte pola tarde a presentaci..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-festival-rosalia-acolle-a-presentacion-de-rosalia-oculta-de-paula-mayor-obra-ganadora-do-premio-castelao-de-banda-desenada-no-2023/
date: 2025-02-23
modified: 2025-02-23
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/02/IMG_3235.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O Festival Rosalía acolle a presentación de “Rosalía Oculta”, de Paula Mayor, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023

O Festival Rosalía, unha cita organizada pola Deputación e o Concello de Santiago durante os días 21, 22 e 23 de febreiro para render homenaxe a Rosalía de Castro, acolleu onte pola tarde a presentación da obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023: *Rosalía Oculta*, de Paula Mayor. A propia autora foi a encargada de explicar os detalles do cómic, publicado pola Editorial Galaxia, acompañada da deputada de cultura, Natividade González; da comisaria dos premios literarios, Susana Pedreira, e do director da editorial, Marcos Calveiro.

O certame Castelao de Banda Deseñada, cuxa convocatoria de 2025 está aberta – ata o 10 de abril – premiou na categoría xeral a esta obra, pola “orixinalidade coa que abordou o xénero biográfico sen necesidade de caer no relato histórico, co fin de darlle máis peso á parte humana da escritora” salientaba o xurado. Outro factor que sumou puntos foi a estética: “moi delicada, que casa perfectamente co espírito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro”.

A deputada de cultura, Natividade González, salientaba durante a presentación o “orgullo” que supón “ver como obras como esta *Rosalía Oculta* ou moitas outras que premiamos acaban tendo un percorrido tan interesante”. Tal e como sinalou, “ese é o noso compromiso e creo que debería ser o de todas as administracións públicas: apoiar o talento, apostar realmente polas nosas letras, a nosa cultura, e tamén por un xénero como a novela gráfica que, ademais, nos está dando tantas alegrías no panorama internacional”.

Natividade González parabenizou o traballo de Paula Mayor e agradeceulle “a valentía” por “afondar na nosa autora máis emblemática e universal e amosarnos esa faceta súa que vai máis aló do mito, desa feminista, loitadora, reivindicativa e activista de todas as causas xustas para amosarnos a unha Rosalía máis humana, na súa vida cotiá e chea de matices, como todas nós”.
