---
title: "O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres a estrea do documental de homenaxe da Deputación a Jesús Núñez"
description: "O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres ás 20 horas a estrea de \"Jesús Núñez. Mestre de mestres\", o documental realizado pola asociación sociocultural Zona Hadal e impulsado pola Deputación d..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-cine-alfonsetti-de-betanzos-acolle-este-venres-a-estrea-do-documental-de-homenaxe-da-deputacion-a-jesus-nunez/
date: 2025-02-20
modified: 2025-02-20
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/02/MI_JN2-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres a estrea do documental de homenaxe da Deputación a Jesús Núñez

O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres ás 20 horas a estrea de “Jesús Núñez. Mestre de mestres”, o documental realizado pola asociación sociocultural Zona Hadal e impulsado pola Deputación da Coruña e o Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC), fundado por Núñez, para dar a coñecer a figura e a obra do artista brigantino, falecido en 2023, e o propio CIEC. Logo da proxección está programado un coloquio aberto ao público no que intervirán a deputada de Cultura, Natividade González; Antón Taboada, de Zona Hadal, e Pedro Galilea, do CIEC. Ademais, o sábado 22, haberá no CIEC unha xornada de portas abertas, de 10 a 14h, como parte desta homenaxe ao artista.

“Jesús Núñez. Mestre de mestres” reconstrúe a vida e o traballo de Núñez a través dos testemuños do propio Galilea, sobriño do artista; Ángel Arcay, historiador e director do Museo das Mariñas; Tita Fraga e Isabel Durá, antigas alumnas do CIEC, ou Mercedes Fernández-Albalat, ex xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación, quen fala da vinculación da administración provincial co CIEC, co que colabora desde a súa fundación en diferentes proxectos como o Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, que este ano chega á súa vixésima edición.

Natividade González animou a betanceiros e visitantes a achegarse á estrea “para render homenaxe a unha das figuras máis sobranceiras das nosas artes; un artista total: gravador, pintor, escultor, deseñador de xoias, téxtil e de interiores; mestre de xeracións de creadores e creadoras”.

O documental pon en valor a figura de Jesús Núñez e fai un repaso pola súa traxectoria, desde a súa época de estudante na madrileña Escuela de Bellas Artes de San Fernando e Escuela Nacional de Artes Gráficas —formación que completaría en Berlín e París— ata a súa volta a Betanzos, onde instalou taller e fundou o CIEC, institución que tamén se dá a coñecer. Núñez creou unha obra que chegou a ser incluída nas bienais de Venecia e Tokio e que se caracteriza pola diversidade de técnicas e materiais, así como pola constante experimentación e busca de novas formas de expresión. Valeulle numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Gran Premio de Gravado no II Certame Nacional de Artes Plásticas de Madrid (1963) e o Primeiro Premio de Arte e Estampaxe da Exposición Nacional de Arte Contemporáneo de Madrid (1970). En abril de 2014, Núñez foi nomeado fillo predilecto de Betanzos.
