---
title: "Natividade González reafirma en Compostela o compromiso da Deputación co talento e coa diversidade artística"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe no Teatro Principal de Santiago na presentación da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o prim..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-reafirma-en-compostela-o-compromiso-da-deputacion-co-talento-e-coa-diversidade-artistica/
date: 2025-12-04
modified: 2025-12-04
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/ArtesEscenicas2026_CompostelaCultura_RoldaDePrensa_JaviGSobrado_12-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González reafirma en Compostela o compromiso da Deputación co talento e coa diversidade artística

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe no Teatro Principal de Santiago na presentación da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026. No acto estiveron tamén a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; e integrantes das compañías e dos espectáculos que fan parte da programación: Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, Fran Sieira, Andrea Quintana e Alixa Ladson.

Durante a súa intervención, Natividade González salientou a “colaboración sólida e frutífera co Concello de Santiago” a través do convenio co Auditorio de Galicia, ao que este ano se sumaron máis recursos económicos, “reforzando así a relación entre institucións e facendo posíbel que o público santiagués teña acceso a propostas culturais de primeiro nivel”.

A deputada destacou tamén o papel de Santiago como “cidade culturalmente activa” e “capital cultural do noso país”. “Aquí, a cultura non só se programa: respírase, habítase e acompaña a vida diaria en cada rúa, en cada espazo e en cada momento”, abundou González.

A responsábel de Cultura concluíu reafirmando o compromiso da Deputación “co talento, coa diversidade artística e coa cidadanía, que é quen finalmente lle dá sentido a todo este esforzo colectivo. Seguiremos traballando para que a cultura continúe a ser un espazo de encontro, de liberdade e de creación compartida, capaz de facer de Santiago, e de Galiza, un lugar aínda máis aberto, máis dinámico e máis vivo”.
