---
title: "Natividade González destaca na presentación de ‘Castelao Integral’ o legado creativo e político do rianxeiro, “un referente imprescindíbel”"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación da obra Castelao Integral , unha edición especial publicada por Demo Edito..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-destaca-na-presentacion-de-castelao-integral-o-legado-creativo-e-politico-do-rianxeiro-un-referente-imprescindibel/
date: 2025-12-05
modified: 2025-12-05
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/Presentacion_Castelao_Integral.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González destaca na presentación de ‘Castelao Integral’ o legado creativo e político do rianxeiro, “un referente imprescindíbel”

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación da obra *Castelao Integral*, unha edición especial publicada por Demo Editorial co apoio da institución provincial. O acto tivo lugar esta tarde na libraría Komic e contou tamén coa presenza de Manuel Cráneo, coordinador editorial, e mais os autores, Iván Suárez e Inacio Vilariño.

*Castelao Integral* é un volume conmemorativo polo 75.º aniversario do pasamento de Castelao, unha coidada edición en tapa dura limitada a cincocentos exemplares. Inclúe os títulos *Titoán* —gañador, en 2011, do VII Premio Castelao de Banda Deseñada—, *Máis alá!*, *O pobre tolo* e *Atila*.

Natividade González cualificou a Castelao como “un artista, un político e un referente imprescindíbel da cultura e da memoria colectiva do país”. Sinalou que a obra presentada é “froito do talento” de Inacio Vilariño e Iván Suárez e dun “traballo editorial primoroso” de Demo Editorial, e subliñou que a Deputación da Coruña quixo colaborar activamente para facer posíbel unha edición “pensada para estar á altura” do legado do rianxeiro.

A deputada explicou que o volume rende unha homenaxe necesaria e recupera catro títulos ao redor do universo creativo do autor, “que volven así ao alcance do público para garantir a súa permanencia e transmitir xeración tras xeración o seu pensamento e a súa forza expresiva”.

A presentación serviu para achegarlles ás persoas interesadas esta edición especial en tapa dura, limitada a cincocentos exemplares, concibida como un volume conmemorativo que salienta a vixencia e a relevancia da obra de Castelao.
