---
title: "Natividade González asiste á proxección do documental ‘Ao son da nova regueifa’ no Auditorio de Galiza"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, asistiu este sábado á proxección do documental Ao son da nova regueifa, un traballo que conta co apoio da institución provincial. A..."
url: https://aculturaeundereito.gal/natividade-gonzalez-asiste-a-proxeccion-do-documental-ao-son-da-nova-regueifa-no-auditorio-de-galiza/
date: 2026-02-22
modified: 2026-02-22
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/02/Regueifa_3.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Natividade González asiste á proxección do documental ‘Ao son da nova regueifa’ no Auditorio de Galiza

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, asistiu este sábado á proxección do documental *Ao son da nova regueifa,* un traballo que conta co apoio da institución provincial. A estrea tivo lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela, e incluíu tamén un coloquio.

O documental, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, propón un percorrido pola xeografía galega, desde Bergantiños até Vigo, na procura das pontes entre a regueifa tradicional e as súas manifestacións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral.

A peza audiovisual, realizada ao longo de máis de dous anos de investigación, gravacións e viaxes, achega as testemuñas de regueifeiras e regueifeiros e de distintas figuras vinculadas ao ámbito cultural e social, co obxectivo de amosar a vixencia dunha tradición oral que continúa evolucionando e transmitíndose ás novas xeracións.

Este documental conta co patrocinio da Deputación da Coruña, dentro da súa aposta polo apoio á creación cultural e pola preservación e difusión do patrimonio inmaterial galego.

A proxección, cunha duración de 60 minutos, completouse cun coloquio posterior sobre este traballo audiovisual, que inicia agora unha nova fase de exhibición pública tras a súa estrea no Culturgal e despois de resultar finalista a mellor documental nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.
