Saltar al contenido
>

Este domingo 11 celébrase no Teatro Colón a final do Premio Narf coas bandas Noar, Mallou e Madalena Gamalho

Este domingo 11 celébrase no Teatro Colón a final do Premio Narf coas bandas Noar, Mallou e Madalena Gamalho

A final do concurso Fran Pérez ‘Narf’ para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar este domingo 11 de decembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.00 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de YouTube de Cultura da Deputación da Coruña. Nel participarán as tres bandas finalistas: Noar, Mallou e Malena Gamalho, ademais de Berto, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo. Ademais haberá unha actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, que interpretarán un tema dedicado a el.

O Concurso Fran Pérez ‘Narf’ de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez ‘Narf’. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo (tamén xestora cultural); e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:
MADALENA GAMALHO é unha vocalista e compositora que destaca, segundo o xurado «pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta». Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá. Está a presentar o seu álbum de estres, ‘Invento’, xunto o músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music.

MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou «a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas». Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

NOAR é un proxecto de Iago Marta e Rubén Fernández de quen o xurado salientou «a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal». Comezan a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo (‘Ao vivo’) en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’