---
title: "Cultura da Deputación e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores promoven “Encontros coas Letras” en 7 bibliotecas da provincia"
description: "Un autor ou autora amplamente recoñecido polo público, e outro escritor ou escritora de perfil máis descoñecido, fronte a fronte coa comunidade lectora. Esta é a liña argumental de \"Encontro coas letr..."
url: https://aculturaeundereito.gal/cultura-da-deputacion-e-a-asociacion-galega-de-escritoras-e-escritores-promoven-encontros-coas-letras-en-7-bibliotecas-da-provincia/
date: 2025-05-12
modified: 2025-05-12
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/05/ROLDA_DE_PRENSA_DIPUTACION_AGER_003.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Cultura da Deputación e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores promoven “Encontros coas Letras” en 7 bibliotecas da provincia

Un autor ou autora amplamente recoñecido polo público, e outro escritor ou escritora de perfil máis descoñecido, fronte a fronte coa comunidade lectora. Esta é a liña argumental de “Encontro coas letras”, o proxecto presentado esta mañá pola Deputación da Coruña e AGER, enmarcado dentro do 180 Aniversario da Biblioteca Provincial, que busca dotar dunha vida diferente á literatura nas bibliotecas da provincia da Coruña.

Os “Encontros coas letras” queren ser eventos vivos, tal e como apuntaba a deputada de cultura, Natividade González, “queremos que a comunidade lectora poida participar activamente. Que comenten, que debatan, que charlen con eses autores e autoras participantes de ti a ti, sen barreiras”.

E precisamente por iso o proxecto implicará 7 encontros en 7 bibliotecas da provincia da Coruña, comezando polo vindeiro xoves 22 de maio ás 19 horas na propia Biblioteca Provincial, que servirá de escenario para o primeiro “Encontro coas Letras”, protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Branca Trigo Cabaleiro. “Un exemplo máis da nosa aposta por descentralizar as actividades culturais, desenvolvéndoas en diferentes puntos da provincia máis aló das cidades”, engadiu a deputada.

O proxecto, tal e como explica a presidenta de AGER, María Nieto, “servirá para que o público lector, esa comunidade que enche de vida ás bibliotecas, coñeza as propostas que os autores e autoras galegos desenvolvemos, dun xeito sinxelo e moi accesible”. Os escritores e escritoras serán emparellados polos seus puntos en común, “as súas temáticas, os seus xéneros literarios, a súa xeración literaria, o seu estilo narrativo… Así logramos que a comunidade lectora coñeza propostas novas da man de libros e autores ou autoras que xa lle son coñecidos, e, ao mesmo tempo, impulsamos o debate na produción desas plumas xa famosas”.

A técnica da biblioteca, María Lema, referiuse ao 180 aniversario da Biblioteca Provincial, “unha das máis lonxevas do país, que conta cun fondo patrimonial único”, e apuntou que, con este tipo de iniciativas, “queremos facilitarlles tamén un pouco o día a día ás bibliotecas, con actividades de interese para a comunidade lectora”.

Tras este primeiro encontro, e pasado o verán, terán lugar as seis citas restantes, que se repartirán entre setembro e novembro entre diferentes bibliotecas da provincia da Coruña, nun calendario final que será anunciado proximamente.
