Saltar al contenido
>

Cultura da Deputación convoca o III Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia

Cultura da Deputación convoca o III Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia

O departamento de cultura da Deputación renova a aposta por unha das liñas de traballo estrela da súa programación, o Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, que chega en 2025 á súa terceira edición para seguir contribuíndo á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia.

Entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro do ano que vén estará aberto o prazo de presentación de proxectos, dos que se escollerán os quince mellores, polos vinte premiados en 2021 e 2023. Mantense a dotación do Fondo: 200.000 euros, repartidos agora deste xeito: 20.000 € para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 € para os cinco seguintes e 10.000 € para os sete restantes.

Nesta terceira edición o certame poñerá o foco en dous ámbitos de contido: o primeiro, os proxectos centrados na posta en valor patrimonial, turístico e socioeducativo do pasado medieval de lugares, vilas e cidades da provincia da Coruña, a través da actualización do seu relato histórico contextualizado no marco do Reino de Galicia; o segundo, os proxectos centrados na difusión e posta en valor de figuras concretas do noso pasado medieval.

Só se poderán presentar ao certame propostas que se vaian desenvolver do 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025, e sempre na provincia da Coruña.

«Con esta convocatoria, damos un terceiro paso, e non pequeno, para combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia», explica a deputada de Cultura, Natividade González. «A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara ao futuro».

Para González, figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta burguesa das Irmandades contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real «son algúns dos moitos elementos que nos interpelan aínda hoxe como sociedade, á espera de por medio deles podérmonos coñecer, recoñecer e interpretar de maneira máis consciente e rigorosa, á marxe de caricaturas ou paradigmas instalados durante séculos».

Os proxectos presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica SUBTEL.

As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 20 de decembro.

Compartir

Novas destacadas

El estudio de diseño de Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, ganador de la segunda edición del premio «Luis Seoane» de diseño de la Diputación

La Diputación apoya una nueva edición de CoruñArt para impulsar las industrias culturales y creativas

La Diputación celebra el III Culturgal Expandido, convirtiendo Muros «en el epicentro cultural de la comarca»