---
title: "Cultura da Deputación colabora co Cluster Audiovisual Galego no proxecto I+P Incuba"
description: "A Deputación da Coruña firmou un convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para o cofinanciamento do proxecto I+P Incuba. A deputada de cultura, Natividad González, foi a encargada de asi..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/cultura-da-deputacion-colabora-co-cluster-audiovisual-galego-no-proxecto-ip-incuba/
date: 2023-12-14
modified: 2023-12-14
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/12/MOR1777.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Cultura da Deputación colabora co Cluster Audiovisual Galego no proxecto I+P Incuba

A Deputación da Coruña firmou un convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para o cofinanciamento do proxecto I+P Incuba. A deputada de cultura, Natividad González, foi a encargada de asinar o acordo, que inclúe un investimento de 30.000€ neste programa de incubación e mellora de proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento.

**Apoio ao audiovisual galego**

«Dende a área de cultura apostamos polo audiovisual galego como elemento clave na promoción da nosa cultura e historia, e tamén como xerador de emprego e riqueza» sinala a deputada. «O noso audiovisual vive, ademais, un momento de gran esplendor, con proxectos e profesionais de altísimo nivel. Hai talento, creatividade e emprendemento, e para esta institución é unha prioridade o acompañamento e apoio a este sector tan relevante para o país».

O Cluster Audiovisual Galego reúne a empresas tractoras da industria de contidos dixitais e audiovisuais en Galicia que participan en todos os procesos da cadea de valor da produción audiovisual. A súa actividade baséase na colaboración entre os axentes do sector para xerar valor engadido e así levar a cabo proxectos que convertan a Galicia nun referente da industria audiovisual.

**Incubadora de proxectos audiovisuais**

Un deses proxectos é I+P INCUBA, cofinanciado pola Deputación. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultoría.
