---
title: "Cultura da Deputación apoia a conmemoración dos 100 anos da Casa Núñez"
description: "A área de cultura da Deputación, liderada pola deputada Natividad González, apoia o programa de actividades desenvolvidas no eido do centenario da Casa Núñez, seda da Fundación CIEC, cunha achega de 3..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/cultura-da-deputacion-apoia-a-conmemoracion-dos-100-anos-da-casa-nunez/
date: 2024-01-15
modified: 2024-01-15
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/01/MOR2234.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Cultura da Deputación apoia a conmemoración dos 100 anos da Casa Núñez

A área de cultura da Deputación, liderada pola deputada Natividad González, apoia o programa de actividades desenvolvidas no eido do centenario da Casa Núñez, seda da Fundación CIEC, cunha achega de 36.000€. Así o recolle o convenio que asinou a deputada de cultura coa Fundación.

«A Casa Núñez é historia, patrimonio e cultura, de Betanzos e de todo o país,» apuntou a deputada, «e unha excepcional mostra do gran traballo do artista, que serve tamén de escaparate para as obras de artistas emerxentes e tamén de outros xa consagrados». A labor da Fundación CIEC referenda esta aposta, «cunha intensa programación que vai máis aló do seu centenario, e que sitúa a Betanzos no epicentro mundial da arte gráfica».

Con motivo da conmemoración dos 100 anos deste emblemático edificio, a Fundación CIEC organiza unha serie de actividades extraordinarias, que contan co apoio da Deputación, como visitas guiadas á casa, concertos, ou edición de gravados sobre o edificio, que se suman á programación de cursos anuais.

«Dende a área de cultura da Deputación, contamos cunha importante liña de apoio á creación artística nas súas diferentes disciplinas, como a arte gráfica», engadiu a deputada. Un apoio que se reflicte na colaboración coa Fundación CIEC para o desenvolvemento de diferentes iniciativas anuais, como o Premio Internacional «Jesús Núñez» de Arte Gráfica, entre outras.
