---
title: "A exposición do 18º Premio Luís Ksado no Museo do Pobo Galego abrirá o 2 de outubro a programación paralela do certame"
description: "A inauguración da exposición das obras gañadoras e finalistas do 18º Premio Luís Ksado de creación fotográfica, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, volverá abrir a programación par..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-exposicion-do-18o-premio-luis-ksado-no-museo-do-pobo-galego-abrira-o-2-de-outubro-a-programacion-paralela-do-certame/
date: 2024-09-27
modified: 2024-09-27
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/09/WhatsApp_Image_2024-09-23_at_11.19.54.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A exposición do 18º Premio Luís Ksado no Museo do Pobo Galego abrirá o 2 de outubro a programación paralela do certame

A inauguración da exposición das obras gañadoras e finalistas do 18º Premio Luís Ksado de creación fotográfica, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, volverá abrir a programación paralela do certame. Será o 2 de outubro, ás 19 horas, no Museo do Pobo Galego, de Santiago de Compostela. Unha hora antes, o auditorio do museo acollerá unha conferencia e proxección de «Alén», a colección vencedora nesta edición, do pontevedrés Vicente Fraga.

A programación ten máis citas durante todo o mes. O xoves 3 celebrarase a homenaxe a Luis Zamora, recoñecido este ano polo certame como Fotógrafo Histórico. Comezará cun acto institucional no salón de plenos da sede Deputación, ás 12 horas, e continuará na Real Academia Galega de Belas Artes, ás 19 horas, cunha mesa redonda na que participarán a deputada de Cultura, Natividade González; o comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato; o fillo de Luis Zamora, José Luis Zamora, e o historiador de fotografía galega Manuel Sendón.

Obradoiros con Chema Madoz e Sandra Balsells
O centro Ágora da Coruña volverá ser, das 16.30 ás 20 horas, a aula dos obradoiros/masterclass de fotografía. Impartiranos, o día 8, Chema Madoz, Premio Nacional de Fotografía, e, o día 9, Sandra Balsells, Premio Ortega y Gasset El País.

Máis de 300 persoas inscribíronse xa nos talleres, pero aínda quedan prazas dispoñibles, que se poden reservar de balde[ nesta ligazón](https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeHCiq0Z6YpXgbTLwzLOXuupNGvA3DBNL4BsWQk1O_L76m6dw/viewform?pli=1).
