---
title: "A deputada, Natividade González, compartiu xornada cos participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025"
description: "Natividade González compartiu xornada cos e coas participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, nunha visita na que coñeceu de primeira man seis dos oito proxectos seleccionados nesta edición...."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputada-natividade-gonzalez-compartiu-xornada-cos-participantes-nas-residencias-artisticas-marinan-2025/
date: 2025-04-07
modified: 2025-04-07
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/04/Cris_Andina_Nati_Visita_Marinan-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A deputada, Natividade González, compartiu xornada cos participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025

Natividade González compartiu xornada cos e coas participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, nunha visita na que coñeceu de primeira man seis dos oito proxectos seleccionados nesta edición. Concretamente, a deputada de cultura estivo cos autores Blanca Trigo e Sergio Marey da modalidade de literatura, e Paula Sanmartín e María Bella da modalidade de pensamento; e cos músicos Abril e Incra.

“No departamento de Cultura da Deputación da Coruña”, explica González, “cremos firmemente na importancia de proporcionarlles ás e aos artistas un espazo propicio para que traballen nos seus proxectos, e Mariñán ofrece ese lugar de encontro, traballo comunitario, intercambio e aprendizaxe, onde reflexionar, avanzar e repensar as propostas, lonxe do ritmo vertixinoso do cotiá”. “Ver”, engade, “como os artistas aproveitan este tempo e este espazo para conectar, intercambiar, crear e aprender é unha satisfacción e un orgullo, e anímanos a seguir apostando por este tipo de iniciativas”.

As Residencias Artísticas Mariñán son, para a deputada, “un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galicia”. “O talento que se reuniu aquí é excepcional, e estou segura de que os proxectos que xurdan desta residencia terán un grande impacto no panorama cultural galego, como xa o están a ter”. E puxo de exemplo a montaxe teatral Iribarne, de ButacaZero, que participou nas Residencias en 2022 e vén de ser a gran triunfadora dos premios María Casares con nove galardóns que se suman á súa excelente traxectoria desde que se estrease no teatro María Guerrero a finais de 2023.

**Participantes e proxectos**
Desde o 31 de marzo, ata o 11 de abril, están no Pazo de Mariñán a desenvolver os seus proxectos Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. Compartiron espazo, entre o 31 de marzo e o 5 de abril, cos e coas residentes da primeira quenda da modalidade de música, Nanu (Creación de percusión para EP) e Ailén Kendelman (Unha señora orquestra); e tamén cadrarán no Pazo, do 6 ao 11 deste mes, cos e coas participantes na segunda quenda, Abril (Investigación e creatividades para disco) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).

A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes; encontros con persoas relacionadas co mundo da creación e do pensamento; formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto por parte de expertas e expertos convidados; visitas e reunións con outras e outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais, e acompañamento e seguimento do proxecto, co fin de facilitar a súa viabilidade, por parte da comisaria de música, Aitana Cuétara, e do comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín.
