---
title: "A deputada de cultura salienta no I Foro da Industria Galega do Audiovisual o potencial “deste sector estratéxico para o noso país”"
description: "A Cidade das TIC acolleu esta mañá a inauguración do I Foro da Industria Galega do Audiovisual, FIGA, na que participou a deputada de cultura, Natividad de Jesús González. En representación da entidad..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputada-de-cultura-salienta-no-i-foro-da-industria-galega-do-audiovisual-o-potencial-deste-sector-estratexico-para-o-noso-pais/
date: 2023-11-09
modified: 2023-11-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/11/MOR4975.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A deputada de cultura salienta no I Foro da Industria Galega do Audiovisual o potencial “deste sector estratéxico para o noso país”

A Cidade das TIC acolleu esta mañá a inauguración do I Foro da Industria Galega do Audiovisual, FIGA, na que participou a deputada de cultura, Natividad de Jesús González. En representación da entidade provincial, que colaborou coa Academia Galega do Audiovisual para a celebración deste encontro, a responsable da área de Cultura puxo en valor o sector audiovisual do país, “un sector estratéxico porque conecta a parte económica e industrial coa cultural”, apuntou.

A deputada sinalou así a importancia de vincular a industria audiovisual co territorio, “desde a nosa condición de cultura e de identidade propia no mundo” puntualizou. “O noso audiovisual terá valor se somos capaces de achegar a nosa mirada, e iso precisa poder contar e mirar o mundo desde nós”.

Este foro, que se celebra dende o 9 ata o 11 de novembro, reúne a expertos de todo o mundo para abordar os desafíos e oportunidades da intelixencia artificial para o sector. “Nos últimos anos estamos a ver un crecemento e transformación exponenciais do audiovisual en Galicia, que crea novas oportunidades e enfrenta novos retos” destaca Natividad González, “e esta situación de cambio hai que abordala desde a cooperación, a implicación do sector público e privado, o coñecemento e a reflexión”.

O FIGA será o punto de encontro para o debate sobre as inquedanzas dunha industria “con moito talento creativo e cunha cultura propia que a diferencia”. Por iso, dende a Deputación, “precisamos acompañar estas fortalezas de solvencia económica e fortaleza estrutural”.
