---
title: "A deputada de cultura, Natividade González, inaugura en Mariñán as III Xornadas da Academia Galega de Teatro"
description: "O Pazo de Mariñán acolle do 29 ao 31 de maio as III Xornadas da Academia Galega de Teatro \"Teatro e sociedade: na procura dun público posible\". A deputada de cultura, Natividade González, participou e..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-deputada-de-cultura-natividade-gonzalez-inaugura-en-marinan-as-iii-xornadas-da-academia-galega-de-teatro/
date: 2025-05-30
modified: 2025-05-30
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/05/1748593824490.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A deputada de cultura, Natividade González, inaugura en Mariñán as III Xornadas da Academia Galega de Teatro

O Pazo de Mariñán acolle do 29 ao 31 de maio as III Xornadas da Academia Galega de Teatro «Teatro e sociedade: na procura dun público posible». A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na inauguración, acompañada da presidenta da AGT, Imma António, e do director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, onde sinalou que «o teatro sempre foi un espello da sociedade, un espazo onde nos vemos, nos escoitamos, nos emocionamos. E tamén é unha arte que, como ben dicides, precisa do público para existir.»

«Por iso me parece tan importante o tema destas xornadas: na procura dun público posible», engadiu a deputada. «Porque o público non é unha masa anónima, senón persoas diversas, con intereses, inquedanzas, tempos e vidas distintas. E conseguir que ese público se achegue ao teatro, se sinta parte del, é unha tarefa que nos implica a todas: ás creadoras, aos espazos, ás institucións, á administración, e tamén ao público mesmo».

Neste sentido, González destacou o compromiso da Deputación: «temos moi claro que a cultura non é un luxo, senón un dereito. E, sen cultura, non hai cidadanía plena. Por iso apoiamos espazos coma este, de pensamento, encontro e diálogo horizontal. Con voces diversas pero cun obxectivo común: facer medrar o teatro galego». A deputada agradeceu tamén o traballo da organización, «pola vosa capacidade de reflexión colectiva e pola aposta decidida por facer do teatro unha ferramenta viva, social e transformadora».

III Xornadas da Academia Galega de Teatro «Teatro e sociedade: na procura dun público posible» reúne en Mariñán, durante tres días, a diferentes representantes do sector en Galicia, que abordarán temáticas como a relación cos públicos desde a perspectiva de creadores e creadoras e dos espazos, así como as boas prácticas na xestión de públicos, con preto dunha vintena de relatores pertencentes aos diferentes ámbitos do teatro.
