---
title: "A Deputación valora a colaboración co Concello de Ribeira na programación cultural da inauguración do seu auditorio"
description: "O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividade González, acudiron ao Concello de Ribeira, onde se reuniron co alcalde, Luís Pérez Barral, co segundo tenente de alca..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-valora-a-colaboracion-co-concello-de-ribeira-na-programacion-cultural-da-inauguracion-do-seu-auditorio/
date: 2024-04-19
modified: 2024-04-19
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/04/Ribeira_3.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación valora a colaboración co Concello de Ribeira na programación cultural da inauguración do seu auditorio

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividade González, acudiron ao Concello de Ribeira, onde se reuniron co alcalde, Luís Pérez Barral, co segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de economía, Herminia Pouso, para abordar posibles vías de colaboración de cara á inauguración do seu auditorio municipal, que terá lugar o 15 de xuño. Ademais, aproveitaron para visitar o Museo do Gravado.

Dende a Deputación valoraranse diferentes posibilidades para colaborar na programación especial da apertura deste “equipamento cultural de referencia comarcal”, tal e como sinalan dende o consistorio.

Tamén se abordaron as diferentes liñas de subvencións ás que se poden optar, tanto no eido da cultura como no de turismo.

A deputada de cultura mostrou “toda a disposición” da súa área para “contribuír a dotar de vida a este espazo con gran potencial para a difusión da nosa cultura”, revelou, “nun fito tan relevante como é a súa inauguración”. Tal e como sinalou, “auditorios como este son o mellor escaparate da nosa identidade, e representan unha excelente oportunidade para promocionar a nosa cultura e para dinamizar a vida social e cultural da comarca, da provincia e do país”.
