---
title: "A Deputación pon en valor o papel do programa UNED Sénior na aprendizaxe ao longo da vida"
description: "A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este mércores no acto de entrega de diplomas do curso 2024-2025 do programa UNED Sénior do centro asociado desta universi..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-deputacion-pon-en-valor-o-papel-do-programa-uned-senior-na-aprendizaxe-ao-longo-da-vida/
date: 2025-12-17
modified: 2025-12-17
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/Natividade_Gonzalez_UNED_Senior_Pontevedra_2.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A Deputación pon en valor o papel do programa UNED Sénior na aprendizaxe ao longo da vida

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este mércores no acto de entrega de diplomas do curso 2024-2025 do programa UNED Sénior do centro asociado desta universidae na cidade herculina. Na súa intervención puxo en valor o compromiso coa aprendizaxe ao longo da vida, o envellecemento activo e a participación social das persoas maiores.

González deu os parabéns aos preto de douscentos alumnas e alumnos que recibiron os diplomas e salientou que este recoñecemento «non representa só o remate dun curso académico, senón tamén o reflexo do compromiso coa aprendizaxe ao longo da vida, coa curiosidade intelectual e coa participación activa na sociedade».
A deputada provincial subliñou que o programa UNED Sénior é «un exemplo claro de que nunca é tarde para seguir aprendendo, para compartir coñecementos e para continuar medrando tanto a nivel persoal como colectivo», ao tempo que destacou a súa contribución ao envellecemento activo, ao benestar das persoas e ao fortalecemento da vida cultural e social.

Natividade González incidiu tamén na importancia da colaboración institucional para garantir a continuidade do proxecto e puxo en valor o apoio da Deputación da Coruña a través do convenio coa UNED. Segundo sinalou, esta cooperación permite «apoiar e consolidar este programa, achegando recursos e estabilidade a unha iniciativa que aposta pola formación, pola participación e pola igualdade de oportunidades ao longo de toda a vida».

A responsábel de Cultura reivindicou a necesidade de recoñecer o papel das persoas maiores na sociedade actual e afirmou que UNED Sénior «non só transmite saberes, senón que tamén crea espazos de encontro, diálogo e participación, fundamentais para unha cidadanía activa e comprometida».
