---
title: "A Deputación firma un convenio co IMCE para cofinanciar as Actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa"
description: "A deputada de cultura, Natividade González, e o titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coru..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-firma-un-convenio-co-imce-para-cofinanciar-as-actividades-de-cultura-tradicional-os-premios-mestre-mateo-e-actividades-culturais-na-rua/
date: 2024-08-09
modified: 2024-08-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/08/20240730_124129.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación firma un convenio co IMCE para cofinanciar as Actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa

A deputada de cultura, Natividade González, e o titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para o cofinanciamento das actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa.

Este convenio inclúe un investimento por parte da entidade provincial dun total de 250.000€, unha cantidade que representa o 80% do orzamento total de gastos das actividades a realizar polo IMCE.

O investimento destínase ás actividades de cultura tradicional, con asociacións musicais e/ou culturais da cidade, que se desenvolverán en distintos espazos ao longo do ano; os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual Mestre Mateo como recoñecemento ás obras galegas e ós profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos e actividades culturais na rúa de artes escénicas destinadas ao público familiar, como espectáculos de maxia, música, danza, teatro, circo ou humor, que se desenvolven en distintos barrios da cidade durante o verán.

O acordo co IMCE forma parte do compromiso da área de cultura da Deputación da Coruña coa posta en valor da cultura tradicional, así como coa promoción do talento e da riqueza do audiovisual galego, e co fomento da accesibilidade da oferta cultural entre a poboación da cidade e da provincia.
