---
title: "A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia "
description: "A institución provincial achega 32.000 euros para cofinanciar o estudo que analizará a evolución do sector cultural galego entre 1978 e 2024.  . A Coruña, 28 de outubro de 2025 . A Deputación da Coruñ..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-e-a-usc-asinan-un-convenio-de-colaboracion-para-investigar-a-historia-das-politicas-culturais-en-galicia/
date: 2026-10-28
modified: 2026-10-28
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/G23Q0524.jpg
categories: ["Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia 

- **A institución provincial achega 32.000 euros para cofinanciar o estudo que analizará a evolución do sector cultural galego entre 1978 e 2024.** 
- **A Coruña, 28 de outubro de 2025**. A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron recentemente un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 32.000 euros para a realización do proxecto de investigación “Aproximación á historia das políticas culturais de Galicia (1978-2024)”. A sinatura formalizouse coa participación da deputada de Cultura, Natividade González e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais, confirmando o compromiso institucional co financiamento desta iniciativa que conta cun orzamento total de 40.000 euros. 

A deputada salientou a “importancia” de coñecer e analizar a evolución das políticas culturais para comprender a realidade actual do sector e afrontar os seus retos de futuro e o o «traballo rigoroso e o compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa investigación e co coñecemento da realidade cultural galega». Neste sentido, salientou que «contar coa experiencia e coa capacidade investigadora da USC é unha garantía para abordar un estudo destas características, que nos permitirá coñecer mellor a evolución das políticas culturais en Galicia». González subliñou tamén que «a colaboración coa USC nos permite sumar esforzos e poñer o coñecemento académico ao servizo da cultura galega, contribuíndo a comprender o camiño percorrido e a orientar as políticas culturais do futuro». 

O proxecto ten como obxectivo principal recompilar, analizar e sintetizar as transformacións, marcos lexislativos, orzamentos e liñas de actuación que definiron o panorama cultural galego ao longo das últimas catro décadas. Para acadar estes resultados, o traballo estrutúrase en tres fases fundamentais que abranguen dende a revisión documental e a compilación de estatísticas ata un traballo de campo directo con axentes do sector mediante entrevistas en profundidade, grupos focais ou cuestionarios cualitativos. 

A investigación culminará cunha análise detallada cuxos resultados se plasmarán nun documento informativo, acompañado de recursos visuais como infografías e gráficos, para facilitar a divulgación e comprensión dos fitos máis relevantes da política cultural galega. Todas as actividades investigadoras executaranse ao longo do ano 2026 no marco desta alianza entre ambas as institucións públicas. 
