---
title: "A Deputación da Coruña presenta a V Gala da Cultura, o evento onde gozar e vivir a diversidade da creación cultural contemporánea"
description: "A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Teatro Colón a V Gala da Cultura (Gala DACCultura), o evento co que a institución acompaña e protexe o labor cultural impulsado na provincia. A gala desen..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-presenta-a-v-gala-da-cultura-o-evento-onde-gozar-e-vivir-a-diversidade-da-creacion-cultural-contemporanea/
date: 2026-04-09
modified: 2026-04-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/RP_Gala_da_Cultura_-_fotos_Amora_-_1-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña presenta a V Gala da Cultura, o evento onde gozar e vivir a diversidade da creación cultural contemporánea

A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Teatro Colón a V Gala da Cultura (Gala DACCultura), o evento co que a institución acompaña e protexe o labor cultural impulsado na provincia. A gala desenvolverase o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas, no propio Teatro Colón, con entrada de balde. A nova edición constrúese arredor da idea de honrar a sorte como parte esencial da identidade e da cultura galegas, un fío argumental que guiará o desenvolvemento do evento.

Tras unha actuación en directo de Belém Tajes —gañadora do Premio Narf 2025—, a deputada de Cultura, Natividade González, explicou que a proposta parte da idea de que «din que a sorte non vén soa e que hai que buscala», e explicou que, nesta ocasión, «a sorte, en forma de sanandresiño, atopoute a ti e tróuxoche un convite para a V Gala de Cultura».

González aproveitou a súa intervención para convidar a cidadanía a asistir ao evento e destacou o papel central desta cita no calendario cultural da provincia, ao reunir o conxunto dos premios culturais promovidos pola institución ao longo do ano, como a referida Tajes.

Pola súa banda, a directora artística da gala, Thais Suárez, destacou a presenza da sorte como elemento transversal da proposta, sinalando que «a sorte está moi presente na nosa cultura» e explicando que os sanandresiños funcionarán como símbolo tanto na intervención artística da fachada do teatro como na propia escenografía do evento. Suárez convidou tamén o público a achegarse á gala, lembrando que a entrada é gratuíta e subliñando o valor de vivir a cultura en directo.

A presentadora Susana Pedreira cualificou como «unha sorte» repetir conducindo esta gala —xa se encargou da anterior edición—, e abundou en que é «unha sorte» estar acompañada no escenario polo actor e músico Xoán Fórneas.

Pedreira puxo en valor que esta quinta edición é a máis diversa das realizadas até o momento, con premios literarios, artísticos, sociais e musicais, e explicou que a gala permitirá ao público achegarse ás preocupacións dos creadores actuais, incluíndo novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño, que se incorporan este ano. Ademais, subliñou que a cita está pensada para ser vivida e gozada polo público, incidindo en que a participación da cidadanía é esencial para a cultura.

Pola súa parte, o presentador Xoán Fórneas destacou que será a súa primeira experiencia neste rol, asumindo un papel distinto ao habitual, e definiu a gala como unha «celebración da cultura galega e en galego». Fórneas subliñou a importancia de continuar promovendo iniciativas deste tipo e reflexionou sobre o concepto de «sorte» que inspira esta edición, sinalando que, fronte ao azar, a sorte introduce unha dimensión de esperanza que resulta especialmente significativa «nun mundo como o actual, en que o azar pode facer que todo mude nun instante».

**V Gala da Cultura**

A gala desenvolverase o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas, no Teatro Colón da Coruña. No evento farase entrega formal da vintena de premios que a Deputación concedeu no último ano nas diferentes modalidades artísticas convocadas pola institución.
