Saltar al contenido
>

A Deputación da Coruña arroupa a presentación pública do proxecto ‘A Coruña entre memorias’

A Deputación da Coruña arroupa a presentación pública do proxecto ‘A Coruña entre memorias’

A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe na presentación da exposición do proxecto ‘A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade’. Fíxoo acompañada de Cristina Botana e Zinthia Álvarez Palomino, responsábeis desta proposta, que foi unha das gañadoras do I Certame de Proxectos Singulares, convocado pola institución provincial.

González subliñou a importancia de apoiar traballos coma este, «moi necesarios», que recupera a historia do tráfico de seres humanos desde o porto coruñés. A memoria, incidiu, é unha «construción colectiva» que, neste caso, se expón de xeito «moi coidado».

A mostra inaugurarase o vindeiro 18 de decembro, ás 19.00, horas no MUNCYT, nun acto que incluirá unha visita guiada a un traballo que se poderá visitar durante dous meses.

Esta iniciativa propón unha revisión crítica da memoria colonial ligada ao porto da Coruña e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas, convidando a reflexionar sobre as conexións entre progreso, desigualdade e violencia que marcaron os séculos XVIII e XIX.

A través de documentos, imaxes e voces diversas, a exposición achega unha mirada renovada ao pasado da cidade e á súa inserción nas lóxicas coloniais. A inauguración coincide co Día Internacional das Persoas Migrantes, unha efeméride que chama a reparar nas consecuencias dos movementos humanos, nas desigualdades históricas e na necesidade de construír sociedades máis xustas e inclusivas.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’