---
title: "A Deputación concede case 650.000 euros en axudas a 50 entidades e fundacións culturais"
description: "A Deputación da Coruña fixo pública a resolución provisional da convocatoria de subvencións do programa FO215, destinado a fundacións, entidades titulares de museos, bibliotecas e organizacións de rep..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-concede-case-650-000-euros-en-axudas-a-50-entidades-e-fundacions-culturais/
date: 2026-03-13
modified: 2026-03-13
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/Natividade_Gonzalez.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación concede case 650.000 euros en axudas a 50 entidades e fundacións culturais

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución provisional da convocatoria de subvencións do programa FO215, destinado a fundacións, entidades titulares de museos, bibliotecas e organizacións de representación sectorial da cultura galega. Cun investimento total de 646.541,88 euros, a institución provincial garante o apoio a 50 entidades que desenvolven a súa actividade profesional ou amadora no ámbito cultural.

Nesta resolución, o importe máximo concedido ascende a 25.500 euros —recibido por entidades como a Fundación Rosalía de Castro ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega—, mentres que a contía mínima se sitúa nos 5.000 euros.

A deputada de Cultura, Natividade González afirma que «este programa contribúe a reforzar o papel das fundacións, museos, centros de interpretación, bibliotecas e entidades culturais como espazos clave para a conservación, difusión e dinamización da cultura galega», e engade que «a través desta liña de axudas, a área de Cultura da Deputación continúa apoiando o traballo do tecido cultural, tanto profesional como amador, que desenvolve unha importante labor cultural e social no territorio».

Por último, González subliña que o obxectivo destas subvencións é «facilitar a programación de actividades culturais e fortalecer a rede de entidades que traballan pola promoción e difusión da cultura galega».

A partir da publicación no BOP ábrese un prazo de 10 días hábiles para que as entidades interesadas poidan presentar alegacións, comunicar a súa desistencia ou solicitar a reformulación do proxecto. Se non se presenta ningunha comunicación neste prazo, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

A listaxe de entidades beneficiarias pódese [consultar no BOP do 11 de marzo](https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/11/2026_0000001429.html).
