---
title: "A Deputación colabora con ‘Amigos de la Ópera de A Coruña’ na celebración da súa 73 Tempada lírica"
description: "A Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña presentou esta mañá a LXXIII Temporada Lírica, que celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de \"Carmen\" cunha produción firmada por Calixto Bieito..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-deputacion-colabora-con-amigos-de-la-opera-de-a-coruna-na-celebracion-da-sua-73-tempada-lirica/
date: 2025-05-29
modified: 2025-05-29
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/05/1748511504228.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A Deputación colabora con ‘Amigos de la Ópera de A Coruña’ na celebración da súa 73 Tempada lírica

A Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña presentou esta mañá a LXXIII Temporada Lírica, que celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de «Carmen» cunha produción firmada por Calixto Bieito que se verá no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro. Comeza así unha programación que se prolongará ata o 5 de decembro coa estrea na cidade herculina de Pelléas et Mélisande, de Debussy.

A deputada Avia Veira sinalou que para a Deputación é «un pracer» colaborar con esta iniciativa, «que nos permite facer realidade esa nosa premisa de facer da cultura un dereito». Veira puxo en valor a programación, «á que, grazas ao noso apoio, poderá acceder xente a pezas exquisitas que doutro xeito non podería». Neste sentido, sinalou que «esta colaboración é fundamental para nós, e permite democratizar o acceso á lírica e á ópera, e tamén vai enmarcado no noso apoio a Orquestra Sinfónica de Galicia, un faro cultural do país».

«Sempre estivemos, estamos e estaremos con vos nuns momentos nos que a cultura é fundamental, xa que nos fai máis humanos, permítenos apartarnos do ruído e nos transforma individual e colectivamente», engadiu a deputada.

Un total de 14 actividades entre concertos, conferencias, cursos, proxeccións conforman o programa da Tempada Lírica 2025, que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro en diferentes espazos da cidade como o Teatro Colón; Afundación; o Palacio da Ópera; o Museo de Belas Artes ou a Filmoteca de Galicia, entre outros.
