---
title: "A curtametraxe Balle Voyage estréase no Teatro Colón rendindo homenaxe a Alfred Hitchcock"
description: "O Teatro Colón vestiuse de longo para acoller a estrea e a presentación de \"Balle Voyage\", a curtametraxe de Iria Ares que homenaxea a Hitchcock dende a cidade da Coruña. Co apoio da Deputación, que f..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-curtametraxe-balle-voyage-estrease-no-teatro-colon-rendindo-homenaxe-a-alfred-hitchcock/
date: 2023-11-11
modified: 2023-11-11
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/11/MOR5348.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A curtametraxe Balle Voyage estréase no Teatro Colón rendindo homenaxe a Alfred Hitchcock

O Teatro Colón vestiuse de longo para acoller a estrea e a presentación de «Balle Voyage», a curtametraxe de Iria Ares que homenaxea a Hitchcock dende a cidade da Coruña. Co apoio da Deputación, que financiou o proxecto con 8.000€, o filme recibiu no Festival de Cine de Medina del Campo o Premio Roel á mellor BSO, interpretada pola Orquesta Sinfónica de Galicia.

O coruñés Monte de San Pedro é o escenario principal no que se desenvolve esta historia de suspense, ao máis puro estilo Hitchcock, que ofrece unhas vistas panorámicas de toda a cidade. Concretamente, a historia comeza no ascensor de San Pedro, onde é citado D, un axente que traballa para unha organización secreta de intercambio de favores que descobre o cadáver da súa última víctima perfectamente colocado no interior do elevador.

Ademais do premio á mellor BSO no Festival de Cine de medina, «Balle Voyage» recibiu unha nominación nun festival internacional, o Cecil County Independent Film Festival, do Estado Norteamericano de Maryland. A súa estrea acolleu a centenares de persoas que puideron ver na gran pantalla á Coruña como localización dun cine clásico que lembra a un grande do thriller psicolóxico dende a cidade herculina.

O apoio da Deputación a este proxecto forma parte do seu compromiso de fomentar a diversidade audiovisual e cultural galega, apoiar o talento feminino e dar a coñecer a riqueza paisaxística da provincia.
