---
title: "A Biblioteca Provincial acolleu a entrega de premios aos gañadores do certame #HoxeEscriboEn, que presentaron relatos ambientados en Monfero, Fisterra e Ferrol"
description: "A Biblioteca Provincial acolleu hoxe a entrega de premios do certame #HoxeEscriboEn 2025. A deputada de cultura, Natividad González, entregou os galardóns ás persoas gañadoras: no primeiro posto, Xosé..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-biblioteca-provincial-acolleu-a-entrega-de-premios-aos-ganadores-do-certame-hoxeescriboen-que-presentaron-relatos-ambientados-en-monfero-fisterra-e-ferrol/
date: 2025-09-26
modified: 2025-09-26
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/09/hoxeescriboen_2025.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa", "turismo"]
type: post
lang: gl
---

# A Biblioteca Provincial acolleu a entrega de premios aos gañadores do certame #HoxeEscriboEn, que presentaron relatos ambientados en Monfero, Fisterra e Ferrol

A Biblioteca Provincial acolleu hoxe a entrega de premios do certame #HoxeEscriboEn 2025. A deputada de cultura, Natividad González, entregou os galardóns ás persoas gañadoras: no primeiro posto, Xosé María López Fernández (As Pontes) por “O fío no tempo”, un relato referido ao mosteiro de Monfero; no segundo, Francisco Ascón Belver (Oleiros), por “A tardiña de San Xoán”, sobre a praia de Langosteira en Fisterra, e no terceiro Raquel Martínez Rodríguez (Arteixo), por “Onde está Velázquez?”, sobre as Meninas de Canido en Ferrol.

A deputada de cultura celebrou “o talento literario” de todos os participantes, “que nos vai viaxar a diferentes lugares da provincia a través dunha mirada única e diferente” e puxo en valor o traballo das áreas de cultura e turismo e da Bibliteca Provincial “na posta en marcha deste certame que xa vai pola quinta edición e que cada ano recibe máis relatos”.

O certamen #HoxeEscriboEn, convocado polas áreas de Cultura e Turismo en colaboración coa Biblioteca provincial, premia ás persoas gañadoras con estadías e experiencias en cabanas e establecementos rurais da provincia e lotes de produtos representativos de selos de calidade e sustentabilidade.

O obxecto do concurso é o fomento do talento creativo, a animación á escritura
e á lectura, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da
provincia da Coruña, contribuindo a sensibilizar sobre os recursos naturais, culturais e medioambientais de cada un, e a importancia de preservalos.
