---
title: "A artista vasca Myriam Gesalaga gaña o Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación"
description: "A artista vasca Myriam Gesalaga coa súa obra \"Ikatz/Harri II\" é a gañadora do XVII Premio Internacional de arte gráfica convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. A obra de Myriam Gesalag..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-artista-vasca-myriam-gesalaga-gana-o-premio-jesus-nunez-de-arte-grafica-da-deputacion/
date: 2022-10-19
modified: 2022-10-19
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/10/Obra_ganadora_Jesus_Nunez_22.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A artista vasca Myriam Gesalaga gaña o Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación

A artista vasca Myriam Gesalaga coa súa obra «Ikatz/Harri II» é a gañadora do XVII Premio Internacional de arte gráfica convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

A obra de Myriam Gesalaga foi escollida por un xurado composto por David Arteagoitia García, Nuria Blanco Santiago, Ann Heyvaert, Javier Marín Jiménez e María Meijide Fraga –gañadora da anterior edición-, e presidido polo responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, coa xefa de Servizo de Acción Cultural, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz como secretaria. Na xuntanza, celebrada na Fundación CIEC de Betanzos, tamén estiveron presentes o presidente da Fundación CIEC, Jesús Núñez, o director da Fundación e asesor do premio, Pedro González Galilea, e a administrativa da Fundación, María Sánchez.

A obra «Ikatz/Harri II» foi escollida como gañadora entre as 140 obras presentadas nesta edición e o xurado salientou no seu ditame que «se trata dunha serigrafía na que destaca a adecuación entre o discurso e a técnica elixida para elaborar unha imaxe con moita potencia e á mesma vez elegante e suxestivo».

O xurado decidiu conceder os dous accésits a Fátima Conesa, pola súa obra «El mar recordó» e a Claudia Regueiro, por «s/t (open letter)», que se beneficiarán dunha Bolsa de Formación nun Curso do Máster sobre obra gráfica que organiza a Fundación CIEC.

O director da Fundación CIEC, Pedro González Galilea, aproveitou a xuntanza do xurado para poñer en valor a convocatoria do premio e «agradecerlle á Deputación que manteña este certame de xeito ininterrompido desde 2006, conseguindo que sexa un referente no campo da obra gráfica».
