A Deputación da Coruña cofinancia con 13.170 euros o Ciclo Mestre Mateo 2024. A deputada de Cultura, Natividade González, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, asinaron na sede provincial o convenio, que supón unha achega do 73 por cento do orzamento total da actividade.
O Ciclo Mestre Mateo é un circuíto de cinema galego que exhibe as películas finalistas dos Premios Mestre Mateo. Grazas ao acordo firmado, a Academia Galega do Audiovisual, co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, impulsa o programa, dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural as longametraxes de ficción e documentais máis destacadas do audiovisual galego actual.
Este ano, foron Betanzos, A Laracha, Vimianzo, Boiro, Valdoviño e Cedeira as localidades coruñesas onde se proxectan os filmes de ficción «Matria», «Fatum», «¡Salta!» e «O Corno», e os documentais «A viaxe de Lucy», «Chichi e máis eu», «Os espazos en branco» e «Emoción, vida e teatro». Tamén hai espazo para as curtas: «Antes de que se poña o sol», «O coidado», «To bird or not to bird», «O neno sardiña» e «Ulises» puideron verse en Betanzos, A Laracha, Vimianzo, Cedeira e Valdoviño, mentres que «Illa Cordura», «Nena», «O monstro e a nena» e «In Half» chegaron a Valdoviño, Cedeira, Betanzos e Vimianzo.
Natividade González destacou a importancia do convenio e o compromiso do seu departamento en achegar á cidadanía os filmes finalistas dos Premios Mestre Mateo, «que son o mellor exemplo da profesionalidade e calidade dun sector en auxe, avalado polos excelentes resultados de crítica, audiencia e público, e fan que actores, guionistas, presentadores, técnicos, directores e produtores sexan referentes tanto dentro como fóra de Galicia». «E máis», engadiu, «nun ano tan importante para o noso cinema, con películas tan importantes como ‘Matria’, premiada nos Goya, nos Forqué, nos Feroz ou no Festival de Málaga; ou como «O Corno», tamén galardoada nos Feroz e nos Goya e Concha de Ouro en San Sebastián; as dúas cun percorrido extraordinario, do que debemos gabarnos, no panorama internacional».





