A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Palco da Música todas as actividades que levará a cabo con motivo das Letras Galegas 2025. As deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, foron as encargadas de explicar a programación, acompañadas de representantes de algunhas das actividades que a conforman: Xabier Díaz; Donaire; Xacarandaina; Zavala; Maos; Cantometrics; AELG e o documental ‘Lévame a idea’.
A deputada de lingua, Soledad Agra, lembrou que «este ano, temos o gusto de adicarlle o día das Letras á poesía popular oral, a un grupo de mulleres cantareiras que recolleron a nosa tradición oral, que representa a idiosincrasia do noso país, e a foron transmitindo». Neste sentido, explicou que na Deputación «temos unha programación moi extensa que imos desenvolver en moitos concellos da provincia, porque ese é o compromiso desta institución».
A deputada de cultura, Natividade González, salientou o obxectivo de «desenvolver actividades culturais por toda a provincia, descentralizándoas para que cheguen ao máximo número de veciñas e veciños», facendo fincapé en que se trata «dun programa anual, xa que para nós as Letras Galegas son os 365 días do ano». González tamén expresou que é unha programación «extensa, intensa e sobre todo continua. Combinamos literatura, música, teatro… e, sobre todo, reflexión sobre a nosa cultura e tradición»
Un programa anual
A programación chegará a máis de 25 concellos da provincia, e inclúe concertos, teatro, contacontos, proxeccións, presentacións literarias, adquisición de libros, xornadas, edicións especiais e publicacións.
- 3 grandes concertos temáticos:
- Efémeras de Cantometrics (maio) en Noia, Carballo e Ortigueira
- Zavala + Atalaias de Caión (outono)
- 25 aniversario de Donaire (outono) en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira
- 10 proxeccións previstas do documental Lévame a idea
- 2 funcións teatrais escolares con Tanxarina + A biblioteca galáctica contra a IA fantástica en Rois e Cabana de Bergantiños
- 4 concertos das Pandereteiras de Xancarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo
- 5 concertos de Donaire.
- 4 presentacións do Cancioneiro galego serodio 1989–2011, de Xabier Díaz en Trazo, Dodro, Carballo e Vimianzo
- 3 concellos acollerán a presentación do Manual de Boas Prácticas.
- 3 obras literarias adquiridas e distribuídas en bibliotecas públicas:
- Pandereteiras de Mens
- Cancioneiro galego serodio 1989–2011
- A biblioteca galáctica contra a IA fantástica
- 11 obradoiros de escrita creativa sobre a literatura de tradición oral das mulleres a cargo de Estíbaliz Espinosa con escritor convidado/a para o alumando de primaria e secundaria de diferentes centros da provincia
- Contacontos ilustrados e musicados da obra «Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas» para nenos e nenas de infantil e primaria
Todos os artistas e representantes das diferentes actividades que forman parte do programa das Letras Galegas que participaron na presentación de hoxe destacaron o seu «agradecemento» á Deputación «por xerar espazos como este, de encontro, de celebración da cultura e de aturuxo en tantos concellos da provincia, e non só nas cidades». Ademais, cada un explicou o seu proxecto e en que consiste a actividade que vai protagonizar. Foi o caso dos músicos Xabier Díaz, Cantometrics. Pola súa banda, a deseñadora de Maos, Xiana Iglesias, tamén explicou os detalles do cartel, que «fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión». «Buscamos conceptos e mesturámolos como se fose unha sorte de caderno de campo».







