Saltar al contenido
>

Cultura da Deputación presenta a cuarta edición de Escora Danza, que se desenvolverá en cinco concellos do 25 de maio ao 8 de xuño

Cultura da Deputación presenta a cuarta edición de Escora Danza, que se desenvolverá en cinco concellos do 25 de maio ao 8 de xuño

Malpica acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición de Escora Danza, un proxecto da Deputación que se desenvolverá do 25 de maio ao 8 de xuño nos concellos de Corcubión, Malpica, Muxía, Vimianzo e Zas, co obxectivo «tecer pontes entre a creación artística e a vida das nosas vilas, entre a danza contemporánea e o sentir profundo dos nosos territorios», tal e como destacou a deputada, Natividade González.

«ESCORA non é simplemente unha programación de espectáculos; é un proxecto que entende a cultura como un dereito, como unha ferramenta de transformación social e como un espazo de encontro» expresou González. «Trátase de crear dende o territorio e co territorio, de recoñecer os saberes locais e poñelos en diálogo coas linguaxes contemporáneas». A danza convértese, así, nunha «ferramenta de cohesión, de recoñecernos como comunidade. Dende as crianzas ata as persoas maiores, pasando polas asociacións culturais, ESCORA implica, convoca e convida. Aquí non hai espectadores pasivos: hai participación activa, hai corpo, emoción e pertenza», apuntou. E, concluíu, «a cultura pública, viva e descentralizada, é tamén un acto político de coidado, democracia e xustiza social».

A comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, sinalou que «unha das maiores forzas» da danza é a de «xerar unha unión». Neste sentido, explicou que o programa «atende a tres eixos concretos: a diversidade LGTBIAQ+, o ecoloxismo e o coidado do territorio, e a música e danza tradicionais dende unha perspectiva contemporánea»

Programa
5 concellos, 15 asociacións e 9 compañías ou artistas galegas conforman un programa que, durante tres fins de semana entre o 25 de maio e o 8 de xuño, encherá as rúas de danza nunha diversidade de formatos. Unha programación que inclúe propostas escénicas de carácter multidisciplinar, con música en directo, residencias, encontros de reflexión, obradoiros interxeracionais, roteiros e unha limpeza de río.

  • Corcubión (25 e 31 de maio):
    • Residencia artística en colaboración co concello dos artistas Brais Pombo e Fran Rodríguez para o proxecto «Do outro lado» do 25 de maio ao 8 de xuño.
    • 25 de maio: 17:00h. Faladoiro «Arte, Territorio e Ecoloxía: alianzas e desafíos da cultura co mundo rural». Cós artistas residentes Brais Pombo e Fran Rodríguez, Asociación Ecosocial Cultural e Medioambiental Boca de Sapo, Universidade Popular, Escola Teatro de Corcubión, Compañía de Teatro Farándula Velutina, Distrito Forestal V de Vimianzo, Asociación de Veciños San Pedro de A Redonda. Mediado por María Bella. Roteiro conxunto para finalizar a xornada.
    • 31 de maio: Obradoiro a Farándula Velutina e á Escola de Teatro de Corcubión.
      • Ás 21:30h na Capela do Pilar, mostra da residencia «Do outro lado» de Brais Pombo e Fran Rodríguez.
  • Zas (30 de maio e 5 de xuño):
    • 30 de maio: Actividades co alumnado do IES Maximino Romero e CPI Zas.
      • Ás 18:30 haberá un paseo con limpeza á beira do río que rematará co espectáculo «Velaiquich, amoorch!» de Colectivo D’elas.
    • 5 de xuño: Obradoiro «Tempostagem» ao CPI Zas
  • Malpica de Bergantiños (1 de xuño):
    • 1 de xuño: Obradoiros para o Fogar de Pensionistas San Adrián do Mar e para a cativada de AC Raigañas
      • Ás 13:30h, espectáculo «Ousar» de Amparo Martínez no Paseo da Praia.
      • Ás 19:00h no Porto de Malpica o espectáculo «77.000» de Colectivo DeXeito e «Lea», espectáculo creado na edición anterior do festival por Fran Sieira xunto á Asociación Adro de Baio.
  • Muxía (6 e 7 de xuño):
    • 6 de xuño: Obradoiro «Tempostagem» ao IES Ramón Caamaño
    • 7 de xuño: Obradoiro para a veciñanza.
      • Ás 18:30 un roteiro participativo co título «Deriva Senso-sonora» guiado por Elsa Pereira que bailará ao chegar á Praza Cabo Vila, onde tamén haberá un concerto performativo de Mourae «Uma manhã que de ontem chega»
  • Vimianzo (6 e 8 de xuño):
    • 31 de maio ao 8 de xuño: Residencia artística do artista Noel Quintela co proxecto «León»
    • 6 de xuño: Obradoiros ao IES Terra de Soneira e á Asociación Trubisquiña
    • 8 de xuño: Ás 12:30, no Castelo de Vimianzo os espectáculos «Pensar a contratempo» de Suevia Rojo e «León» de Noel Quintela. Pecharase a xornada cunha foliada.

Toda a programación pode consultarse en https://escoradanza.gal/

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’